A celulosa de Altri poría en perigo 19.000 postos de traballo na ría de Arousa: "O seu modelo é a antítese da pesca"

O sector do mar da ría de Arousa representa o 1,33% da produción total da economía galega, achega o 33% do valor engadido do sector en todo o país e dá traballo directa e indirectamente a milleiros de familias. Ten 40% das embarcacións pesqueiras e marisqueiras da Galiza e perto de 70% das bateas de mexillón. A PDRA presenta alegacións ao Proxecto Gama.
Dúas traballadoras escollendo mexillón nunha batea na ría de Arousa (Foto: Consello Regulador do Mexillón).
photo_camera Dúas traballadoras escollendo mexillón nunha batea na ría de Arousa. (Foto: Consello Regulador do Mexillón).

Oproxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) atravesa o país desde o corazón da Galiza (O Deza, A Ulloa, Terra de Melide, Arzúa) até a ría de Arousa seguindo o curso do río Ulla. En terra son maioría as voces contrarias a Altri, tamén nos 11 concellos que beben do Ulla (145.921 habitantes) até chegar á ría de Arousa, onde o sector pesqueiro e marisqueiro está a presentar alegacións contra o Estudo de Impacto Ambiental (EIA), a Autorización Ambiental Integrada (AAI) e a declaración de utilidade pública.

O prazo para presentar alegacións remata o vindeiro 17 de abril e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) alerta de que unha posíbel autorización da Xunta da Galiza a esta macrocelulosa suporía na ría de Arousa pór en perigo 19.000 empregos directos e outros 50.000 indirectos relacionados coa cadea do sector pesqueiro e marisqueiro na zona.

Altri non é sostíbel nin na Ulloa nin na Arousa, advirte a PDRA

Na ría de Arousa teñen feito un inxente traballo de documentación, estatística e lexislación para argumentar as súas alegacións nas que, cos datos oficiais e de expertos en distintas áreas, queda clara a afección que a celulosa de Palas de Rei pode ocasionar na actividade pesqueira e marisqueira da Arousa, que representa 1,33% da produción total da economía galega e ademais achega 33% do valor engadido xerado no conxunto do sector no país.

Segundo alegan desde a PDRA, “o sector primario do mar de Arousa é estratéxico na economía local, polo emprego directo que xera; mariscadoras a pé, bateeiros, mariñeiros, mariscadores a flote, etc. Constitúen un amplísimo colectivo que ten o seu medio de vida no mar. Este sector xera empregos estábeis, tamén en épocas de crise, en comparación con outras actividades, xa que este sector resiste mellor os vaivéns do ciclo económico, como se veu demostrando nos últimos anos (como coa crise da Covid)”.

O sector en cifras

Na Arousa hai 1.540 mariscadoras a pé, 1.558 embarcacións pesqueiras e marisqueiras, 2.319 bateas de mexillón (supoñen 4.177 empregos directos máis os xerados en terra) e os 140 operadores e operadoras nesta ría rexistradas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega), sumadas ás mariscadoras e permisos de explotación (permex) doutras actividades, a cifra alcanza os 19.000 empregos directos. 

Pero o sector do mar deixa ademais en terra outros 50.000 postos de traballo indirectos que tamén poría en perigo Altri. Trátase da cadea de transformación que abrangue as depuradoras, cocedoiros e transformadores, alén doutros sectores como os estaleiros.

Todos son datos do informe Análise do sector da pesca elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2023. Neste informe, o IGE acredita que “o sector da pesca xera 12,8 empregos na economía galega por cada millón de euros producido, dos cales 6,8 se xeran na propia rama e os 6 restantes correspóndense con empregos indirectos noutras ramas da economía que subministran inputs a estas actividades ou aos seus provedores”. 

A PDRA colle tamén os datos oficiais para amosar a importancia socioeconómica da pesca nos concellos da zona, “que fixa poboación nas dúas marxes da ría de Arousa”. O IGE fixo unha media dos anos 2018-2020, en porcentaxe sobre o PIB de cada concello e o resultado é que en Boiro este sector representa 22% da súa economía, na Pobra do Caramiñal é 24,17%, en Rianxo 12,55%, en Ribeira 32,17%, en Cambados 17,91%, en Catoira 13,06%, no Grove 20,73%, en Vilagarcía de Arousa 4,32%, en Vilanova 10,62% e na Illa de Arousa 22,68%.

O perigo de Altri

A fotografía da importancia do sector do mar da ría de Arousa feita polo IGE podería deixar de ser así se Altri instala a súa macrocelulosa en Palas de Rei. Desde a PDRA explican que “todo isto pode verse en risco ao comprometerse a calidade das augas do río Ulla, o máis determinante para a súa produtividade marisqueira por ser o máis caudaloso dos que alimentan a ría de Arousa”. Ademais alegan que “o modelo de industria de enclave de Greenfiber -filial de Altri na Galiza- é a antítese da pesca e o marisqueo na ría de Arousa”. 

Os técnicos da PDRA recollen nas alegacións contra Altri que “como consecuencia da cantidade de auga consumida polo proxecto de Greenfiber, o caudal do río Ulla diminuirá e a contaminación producirá máis dano porque irá menos diluída. Botaranse no río cantidades moi importantes de materia orgánica e químicos utilizados no proceso de fabricación da celulosa e a fibra téxtil, que afectarán moito  unha ría moi debilitada”. Isto agravará o problema que xa sofre o sector porque a consecuencia do cambio climático “hai menos nordés, e por tanto menos afloramento e menos renovación das augas da ría”.

Desde a Ría de Arousa critican o papel que está a xogar a Xunta da Galiza no Proxecto Gama -para a construción da celulosa na Ulloa-, asegurando que “pór en perigo de supervivencia do sector do mar na ría de Arousa prexudica o conxunto da sociedade galega e significa que a Xunta aposta por impor un cambio de modelo produtivo que vai traer consigo a destrución do emprego sostíbel, a perda da soberanía alimentaria e o cambio da imaxe cultural e paisaxística do conxunto da Galiza".

Industria de enclave

Alega a PDRA que na páxina 454 do EIA a propia Greenfiber recoñece ser “unha industria de enclave”, o que significa que “lonxe de ter o obxectivo de integrarse na contorna local, procurará os maiores beneficios ao menor custe posíbel, sen sentir os condicionantes da súa localización”. Algo que é “contraditorio” coas Directrices de Ordenación do Territorio do Decreto 19/2011. Pero co seu proxecto en Palas de Rei, Altri non só incumpre a lexislación galega senón tamén a da UE.

Unha industria de enclave “é a antítese do contemplado no Plan de acción da UE para a economía circular e tamén significa recoñecer que non é sostíbel ambiental, económica e socialmente. Pola contra vai deteriorar o río Ulla e a ría de Arousa, vai destruír postos de traballo sostíbeis tanto das comarcas do interior como da ría de Arousa e vai afectar negativamente o tecido socioeconómico existente, provocando un cambio no modelo produtivo cuxa transcendencia e impacto a medio e longo prazo é difícil visualizar e cuantificar pola súa capacidade destrutiva”, explican na PDRA. 

Conclúen as alegacións que “esta fábrica é unha macrocelulosa non sostíbel ambientalmente polo seu elevado consumo de auga nun escenario de cambio climático, pola contaminación producida no río e na atmosfera; tampouco é sostíbel economicamente porque vai afectar directamente o sector produtivo do mar de Arousa e o sector agrogandeiro e turístico da Ulloa”. Os datos oficiais do IGE e do Proxecto Gama publicado por Altri confirman, para a PDRA, que “destrúe emprego e que tampouco é sustentábel socialmente porque destrúe a estrutura social existente tanto na Ulloa como nas poboacións circundantes á ría de Arousa, onde o PIB que depende do sector de mar ten un carácter estrutural que estimula os outros sectores da economía ribeirense e asenta poboación”.

Advirten desde o sector na Arousa de que coa lexislación galega, estatal e europea na man, “se a Xunta da Galiza dá autorización a este proxecto con coñecemento de que non cumpre ningún dos requisitos expostos, a mercantil adquire dereitos que posibilitan reclamacións de indemnización a cargo de fondos públicos”. 

Medra a oposición

Cos datos do proxecto no Diario Oficial da Galiza desde o 4 de marzo, medra cada día a oposición social e política ao respecto. O BNG de Compostela entregou esta sexta feira no Rexistro da Xunta alegacións en contra da macrocelulosa e a Plataforma Ulloa Viva leva adiante no país unha xeira de charlas informativas arredor do proxecto de Altri.

Esta sexta feira en Lalín, en colaboración co colectivo Grela Cultural do Deza, membros da plataforma, o enxeñeiro agrónomo Xoán Castro e o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, entre outros, explicaron á veciñanza o que suporía Altri. Tamén Adega alertou esta sexta feira das cinco especies en perigo de extinción nos terreos que pretende ocupar Altri en Palas, tres plantas endémicas e outras especies de invertebrados coma o mexillón de río.

A Xunta e os sectores estratéxicos

O anuncio de Alfonso Rueda no debate de investidura desta semana sobre a creación dunha Oficina Económica adscrita á Presidencia da Xunta da Galiza para coordinar os proxectos industriais estratéxicos, apunta directamente cara ao problema no que se ten convertido o caso da macrocelulosa de Altri nos últimos meses. Foi o propio Rueda no Consello da Xunta do 29 de decembro de 2022 quen lle concedeu á celulosa de Altri a consideración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE). 

Agora que se multiplican as voces en contra e as alegacións ao Proxecto Gama desde todo tipo de sectores sociais, económicos e políticos do país, o feito de que Rueda faga efectiva unha oficina que podería ter creado a Xunta hai anos -recollida na Lei 9/2021 e integrada nos orzamentos de 2024– sinala en todas direccións cara á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

"O modelo de industria de Altri é a antítese da pesca", sinala Rubido

Ao respecto, desde a PDRA o seu presidente, Xaquín Rubido, lémbralle á Xunta que “os sectores estratéxicos realmente insertados no tecido socioeconómico do país son o sector agrogandeiro e o do marisqueo e a pesca de baixura”. Segundo explica a Nós Diario, “son sectores estruturais, fixan poboación e crean riqueza. Eses son os que habería que potenciar e os que habería que implementar con cartos públicos”. 

Son moitas as demandas que o sector agrogandeiro e o do marisqueo e a pesca teñen pendentes de resolver diante do Goberno galego, e a creación desta Oficina Económica “que só fala de proxectos industriais como estratéxicos”, fai medrar o descontento en ambos os sectores, motores da economía. Rubido pregunta á Xunta que no caso da ría de Arousa, “para cando o saneamento integral e a rexeneración dos bancos marisqueiros?”.

Comentarios