Concentracións de xubiladas e por un sistema de dependencia "público, galego e de calidade"

Concentración diante da residencia Fogar de San Xosé, en Ferrol (Foto: CIG).

A CIG organiza concentracións diante de residencias de maiores por todo o país. 

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse durante a xornada de hoxe diante de varias residencias da Galiza na demanda dun sistema de atención ás persoas maiores e á dependencia 100% público, galego e de calidade e para esixir, ao tempo, unhas pensións públicas dignas e garantidas. Con estas protestas o colectivo quere pór o foco da atención nas graves carencias asistenciais e “na nefasta xestión do modelo privatizado promovido pola Xunta do PP, cuxas consecuencias quedaron en evidencia na pandemia da COVID-19”.

Subliñan que a crise sanitaria sacou á luz a “precariedade” tanto no plano asistencial como laboral que existe nas residencias de maiores, servizos de axuda a domicilio, centros de día, etc., tras anos "de recortes orzamentarios en materia de política social e de fomento dun modelo de atención que prima o lucro privado sobre o benestar e a  seguridade das persoas".

Só 25% das prazas das residencias son públicas

A este respecto, o Colectivo da CIG lembra que na Galiza, a pesar da porcentaxe de persoas maiores de 65 anos aumenta ano ao ano, só 25% das residencias son públicas. O resto das prazas que existen ou son privadas ou funcionan en réxime de concerto coa Administración. “Acceder a unha destas prazas resulta dificultoso e en non poucas ocasións implica, ademais, que a persoa beneficiara teña que residir afastada da súa familia”, din.

“Os datos de contaxios confirmados, o elevado número de mortes, a ausencia de protocolos homoxeneizados ou a opacidade coa que as direccións dos centros privados abordaron a emerxencia sanitaria” son, para o colectivo da CIG, mostra clara da necesidade de “rachar con este modelo fomentado polo PP baseado en engordar os beneficios dunhas poucas empresas privadas a conta de recortar en persoal, en atención, en medios e nas condicións laborais das traballadoras e dos traballadores".

O Colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG reclama que se valoricen os coidados como un ben social "e que se recoñeza, dignifique e respecte as persoas maiores en Galiza como merecen". Esixe que se poñan enriba da mesa, nos próximos orzamentos, partidas suficientes para garantir o persoal, os medios necesarios e  prazas públicas de residencia abondo e, sobre todo, "que non se volvan repetir o vivido nestes tres últimos meses".

Reforzar o sistema público de pensións

Doutra banda, ante os anuncios que adiantan unha nova reforma das pensións, o Colectivo defende a necesidade de reforzar o sistema público, ofrecendo retribucións “dignas e garantidas” tanto para quen accede agora como no futuro. Pero para isto, engaden, "hai que ter vontade política e pór en marcha medidas de creación de emprego estábel, en condicións dignas e con salarios xustos, que doten de recursos suficientes o sistema de pensións”.

Para o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, antes de abordar ningunha reforma, "o primeiro que cómpre é derrogar as reformas impostas durante a crise”, nomeadamente as reformas laborais, as reformas da negociación colectiva e as reformas do sistema de pensións, nas que, “precisamente, todas as propostas presentadas pola Airef queren afondar, para continuar co desmantelamento do sistema público de pensións e seguir a favorecer a entrada do capital privado”.