11 de xuño: marchas cívicas contra a privatización dos servizos sociais na Galiza

Reivindican uns servizos sociais públicos e un novo modelo residencial (Arxina).
Galiza marchará o vindeiro 11 de xuño nas sete grandes cidades por un servizos sociais 100% públicos, contra a privatización e en solidariedade coas vítimas da COVID-19 nas residencias da terceira idade.

O Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepén) e o colectivo Traballadoras das Residencias (Trega) veñen de confirmar que contan cos permisos necesarios para a celebración de marchas cívicas nas principais cidades da Galiza por un servizos sociais públicos e contra a privatización dos coidados.

Desde Modepén, o epidemiólogo Francisco Vizoso incidiu na necesidade de reivindicar desde o movemento social un cambio de modelo residencial e de xestión dos servizos sociais que impida regresar á normalidade anterior ao novo coronavirus. "Cómpre un movemento social que presione os Gobernos co fin de favorecer un servizos sociais 100 por cento públicos, con persoal suficiente, profesional e formado capaz de garantir uns coidados dignos".

Os organizadores contan co apoio, entre outras, da asociación Vellez Digna, que agrupa familiares de persoas residentes en centros como o que ten Domus Vi en Aldán, intervido pola Xunta durante a crise sanitaria. Xosé Bernárdez, presidente do colectivo e traballor desta residencia, reiterou o seu apoio ás marchas convocadas para o día 11 porque "só uns servizos sociasi públicos poden garantir uns coidados de calidade".

Após a intervención da Xunta

Após a intervención directa da Administración, expuxo, a Domus Vi de Aldán volveu quedar sen enfermeiras que atendan as usuarias as 24 horas do día. "As cotas non se cumpren e danse situacións de maltrato e de falta de coidados que directamente realcionadas coa ausencia de persoal. Normalizouse unha situación absolutamente anormal, e ante esta realidade, as inspeccións foron sempre ineficaces".

Bernárdez asegura que non se pode volver a esa vella normalidade "aceptada pola Xunta". Unha afirmación secundada polas traballadoras das residencias. "O sistema non funciona, porque non ofrece servizos dignos e de calidade. É urxente que as cotas profesionais se cumpran, pero sobre todo, que as presenzas de persoal sexan reais para poder atender as necesidades das usuarias", sinalou Sonia Jalda.

Calidade de vida e asistencial

"Levamos moito tempo traballando en residencias e os problemas veñen de lonxe", engadou Maribel Barreiro, integrante de Trega. O coronavirus non fixo máis que poñer en evidencia as carencias de persoal e as eivas asistenciais do modelo privado, "que ofrece servizos que despois non cumpre". Precariedade a cambio de beneficios. "Precariedade laboral, de coidados e mesmo alimentaria, con comidas de baixa calidade".

As marchas cívicas "e seguras" por un servizos sociais cen por cento públicos reivindican unhas condicións dignas para as persoas dependentes, sexa cal sexa e estea onde este a súa casa, unha atención que garanta a súa calidade de vida.

Neste sentido, desde Modepén expresaron tamén a necesidade de fortalecer a coordinación dos servizos residenciais co sistema sanitario público, auténtico valedor da saúde das persoas residentes. Fronte á medicalización dos centros da terceira idade reclaman unha atención médica especializada a través dos servizos hospitalarios e de Atención Primaria, para o que a Administración debe outorgar os recursos necesarios.

Marchas cívicas

As marchas cívicas contra a privatización dos servizos sociais terán lugar a quinta feira 11 de xuño. Ás 20.30 horas en Vigo, no cruce Rosalía de castro con García Barbón. Ás 20 horas en Ourense, na praza Maior. Á mesma hora en Compostela, na Alameda. E ás 12 horas en Pontevedra, na praza da Peregrina; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na Praza de Armas, e en Lugo, na praza do Concello.

Modepén, Trega e Vellez Digna fan un chamamento á sociedade cívica a participar e sumarse ás súas reivindicación, así como a calquera colectivo social, profesional, político ou sindical que concorde coas súas demandas.

A distancia social será de obrigado cumprimento, así como o uso de máscaras, quen non a poida levar “mellor que queda na casa”.