Familiares de residentes no centro DomusVi de Cangas protestan pola atención na pandemia

Familiares de persoas residentes na residencia DomusVi de Cangas protestaron pola falta de persoal.
Membros da asociación Vellez Digna, que compoñen familiares de persoas usuarias da residencia de maiores DomusVi de Aldán, en Cangas, protestaron este sábado diante do centro para reclamar unha mellor atención para as persoas residentes e pedir explicacións polos falecementos.

Unha vintena de persoas secundaron a convocatoria da asociación Vellez Digna para denunciar a falta de persoal e reclamar á Xunta que actúe na residencia.

"Pasados dous meses, DomusVi segue sen persoal, despois de todo o que pasou. Segue sen contratar, non hai enfermeiras para cubrir 24 horas nin a atención nocturna", denunciou o presidente da plataforma, Francisco Xosé Bernárdez Solla, quen lembrou que nesta residencia chegou a haber máis dun centenar de persoas contaxiadas de coronavirus, e polo menos unha vintena faleceron nestas instalacións.

"Non podemos admitir esta falta de atención para as nosas familiares. Segue sen haber enfermeiras e agora seguirán tendo que ser as auxiliares e as xerocultoras as que se ocupen da atención sanitaria", censurou o presidente de Vellez Digna, quen salientou que os protocolos polo brote epidémico "ralentizan o traballo". "Non se poden cumprir con escaseza de persoal", subliñou. 

A plataforma pregúntase cantas persoas faleceron neste centro da terdeira idade, toda vez que a Xunta -sinalou o portavoz- fala de 22 decesos, "pero faltan 37 persoas". "Queremos que se nos diga a verdade, e queremos saber por que morreron estas persoas cando había sitio na UCI. Tiñan que terlles dado a oportunidade de levalos ao hospital", censurou Bernárdez.

Na acción reivindicativa, na que as participantes portaban pancartas contra a precariedade da residencia e a inacción da Xunta, e na defensa dun trato digno ás persoas maiores, o presidente de Vellez Digna tamén reivindicou para as usuarias e usuarios "atencións despois deste confinamento". "Máis alá da propia enfermidade: hai consecuencias mentais por este tempo de confinamento", remarcou.