Fran del Buey, avogado: "As residencias de maiores non son residencias, son almacéns"

Falar de Terrum Social é falar dun equipo multidisciplinar con formación no eido das ciencias sociais e das novas tecnoloxías. Contan cunha longa experiencia individual cara aos colectivos que agora poñen a disposición da cidadanía. Coa pandemia e o estado de alarma fíxose máis evidente que entre as necesidades das persoas figura a responsabilidade social, a transparencia e a solidariedade.  

Que é para vostede ser un activista social?

É unha etiqueta que non tería que existir. É unha actitude, todas as persoas terían que ser activistas sociais. Agora mesmo reflexa un triste proceso no que algunhas persoas, e non precisamente ás que lles chaman activistas sociais, se moven en prol da colectividade. Descubrimos con esta corentena que hai milleiros de activistas sociais anónimos. Dáme a sensación de que todas aquelas persoas que teñen ese atributo son a cara visíbel mais en realidade hai moitas máis. Temos moitos exemplos que saíron estes días.  

Precisa a sociedade actual de proxectos como Terrum Social?

Escollemos este momento para visibilizarnos por parecernos que agora máis que nunca precisamos aglutinar plataformas deste tipo. Non deixa de ser unha proposta diante dunha realidade cambiante, froito dunhas necesidades cada vez máis claras de poder dar un enfoque distinto aos problemas. O nome é singular e procede das áreas que traballamos, de grande importancia para as persoas. Levamos tempo traballando nelas aínda que por separado e pareceunos boa idea facer un crisol e poñelas a disposición todas xuntas.

Unha das conclusións desta pandemia é que vai haber unha fuxida ao rural

Cales son esas áreas?

Unha primordial é a ruralidade, o asesoramento xurídico no contorno rural. Unha das conclusións desta pandemia é que vai haber unha fuxida ao rural porque as persoas decatáronse de que nas cidades non poden sobrevivir. Fálase moito agora mesmo do “baleirado” do campo. Outro apartado importante é o tema tecnolóxico no que tratamos a protección de datos.

Parécenos que tamén xurdiu estes días a posibilidade de que se levase no móbil un identificativo que dese a coñecer se un é positivo de COVID-19 ou non, ou sexa, controlarnos. Non deixa de ser unha inseguridade cidadá en temas informáticos. Estes días tamén recibimos nos nosos dispositivos móbiles publicidade de funerarias ou de compañías aseguradoras, e foi desde o día seguinte de anunciarse o estado de alarma. Outra área importante é a diversidade funcional. Somos diversas na nosa sociedade e ten que ser un valor. Vemos o que está pasando nos USA. 

Tamén estamos traballando con outra ferramenta que é a educación social, algo no que afondamos desde hai tempo. En todos estes ámbitos asesoramos. No caso da ruralidade damos apoio á xente nas aldeas con exemplos, como as ecoaldeas e a recuperación de zonas abandonadas. No tema de datos somos delegadas e delegados de varias ONG, fundacións e colexios profesionais.

En diversidade cremos que haberá un cambio en pouco tempo

En diversidade cremos que haberá un cambio en pouco tempo e as persoas que están agora mesmo incapacitadas pasarán a ser capacitadas, polo que terán o seu dereito a voto ou o acceso á lectura fácil e mesmo a disposición de medios. Por último en educación social é transversal. Asesoramos o Colexio de Educadoras e Educadores de todo o Estado español para elaborar unha lei que regule o exercicio da profesión.

Como avogado cre que a xustiza actual vive nos tempos de antes?

En terminoloxía as residencias de maiores non son residencias e non teñen maiores, son almacéns. Nalgúns casos a Administración sanitaria non é Administración e non é sanitaria. Chegou o momento de pór de manifesto que a Administración de xustiza non é xustiza. Aproveita un anhelo que hai no ser humano de buscar un símbolo para que resolva os conflitos, mais a xustiza non é dereito e o dereito non é xustiza.

Vémolo agora con claridade cando a cidadanía se comporta de maneira correcta e acode á Administración de xustiza e non se ve nin referendados nin amparados. É curioso que, sendo un Estado da Unión Europea, levemos catro meses sen garantías xudiciais.