Os magostos devolven á castaña a relevancia que tivo tradicionalmente na alimentación

O magosto popular de Verín en novembro de 2021 na praza maior da vila onde, ademais de castañas, tamén hai unha foliada. (Foto: Concello de Verín)
A celebración atopa o seu momento culminante durante o San Martiño

O mes de novembro é o mes das castañas. Xa superada a súa relación cos tempos de fame da Galiza empobrecida, a castaña resulta ser un alimento moi agradecido con numerosas posibilidades gastronómicas. Aínda que a súa preparación habitual sexa a asada, este produto permite facer fariña, biscoitos, bicas, galletas e unha gran variedade de doces. É por isto polo que os outonos galegos xiran arredor da recolleita da castaña e de toda a tradición que garda este labor.

Como explica o arqueólogo e museólogo, Felipe-Senén, o outono é o momento “da semente”, como a castaña, a máis representativa do país, e cuxa produción se desenvolve, principalmente, no mes de novembro. “A flor produce un froito que xera unha semente” que agarda durante o inverno para volver renacer. Nesta liña, o escritor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xavier Castro, explica a Nós Diario que "a castaña cumpriu un papel primordial na dieta galega". Como recolle na súa obra, A lume manso, esta época “simboliza o cambio do ciclo agrícola” na que “a castaña recupera de maneira efémera a importancia que tivo tradicionalmente na alimentación, e que o millo e a pataca lle arrebataron hai perto de douscentos anos”.

No magosto a castaña recupera de maneira efémera a importancia que tivo tradicionalmente na alimentación

O magosto tradicional

A primeira metade do mes de novembro é a tempada do magosto que, xunto coa celebración do Samaín, é a unha das festas máis populares e tradicionais da Galiza. O termo magosto procede do latín magnus ustus, que se significa ‘gran fogueira’, ou de magum ustum, que se refire o carácter máxico do lume. O tempo de magostos relaciónase desta forma co lume, coas castañas e coas reunións arredor da fogueira para dar paso á chegada do inverno. Así, novembro comeza “coa regalía do viño novo”, indica Castro, ben “da casa ou dos furanchos, que habitúan abrir o día 1” deste mes, e acompaña o consumo dos derivados da matanza do porco.

O escritor engade que tradicionalmente na Galiza o remate do ciclo das colleitas era recibido con satisfacción. “O outono non era unha mala época para o bandullo popular: fixérase a vendima e máis a ceifa das espigas -de millo e outros cereais-, había patacas, mazás, figos, noces, unhas poucas améndoas e abondosas castañas”. A comida do outono acompañábase de música, de cánticos, de bailes e celebracións, e decorrían "á sombra dos castiñeiros". Así o recollen as cantigas tradicionais nas que se enxalza o carácter festivo do tempo do magosto: “Festa faremos, grandes e pequenos. Arredor do lume, estouros e fume”.

O magosto alcanza o seu punto álxido entre o día de Todos os Santos e o San Martiño, é dicir, entre o 1 e o 11 de novembro. Castro explica que esta celebración gastronómica relacionábase, nalgunhas ocasións, coas relixións. “Algúns autores vencellan o magosto ao día dos defuntos, pola crenza popular en que por cada castaña que se comera liberábase unha alma do purgatorio”, sostén, e pon de exemplo a Manuel Murguía, quen indicou que a festa do magosto era concibida como un banquete funerario no que a castaña e o viño simbolizaban a morte e a vida.

Ademais, Castro tamén recolle que, tradicionalmente, os magostos decorrían no adro das igrexas, desde o día de Todos os Santos en adiante. “O propio do magosto era tomar as castañas asadas, pero cando se celebraba nas casas, había familias que as tomaban cocidas, feitas con fiuncho e sal nunha pota na lareira”.

As castañas e o viño novo protagonizan os magostos

"Por San Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto", di o refrán. Esta semana é o momento álxido da celebración do magosto, que culminará na sexta feira co San Martiño. Así, en moitos lugares da Galiza decorren diversas celebracións, como o magosto de Marín, o próximo día 12; a foliada e magosto popular de Verín, tamén este sábado; ou a festa San Martiño de Francos, en Teo, que xa se está a celebrar e durará até o próximo domingo.