"Poucas veces interesou ver nunha pantalla un papel dunha muller maior. Insisto que se este papel existe é por un motivo ben claro: hai mulleres nos postos de decisión. Antes este tipo de historias, de sensibilidades, de papeis case que non se contaban", destaca Mabel Rivera a Alberto Ramos na entrevista que este sábado protagoniza o semanario Sermos Galiza.
A actriz recoñécese precursora, mais sen perder de vista que abrir camiños para que outros transiten por eles, non sempre significa que teñen que seguir os propios pasos, unha reflexión que a leva a a afirmar que "ser pioneira case é ser obsoleta". Con todo segue en activo, e coa mirada moi atenta á profesión.
Por que mudan de lingua as crianzas gaelgofalantes?
O ‘estigma revelado’ da lingua abre o semanario que acompañará o Nós Diario deste sábado, 10 de setembro, as representacións negativas do galego non detectadas antes polas enquisas e que descobre o estudo Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota.
Falar en galego supón un estigma que conduce desde ao enfrontamento verbal directo a outras diversas formas de presión, explica o autor nunha reportaxe de Montse González sobre a experiencia do alumnado galegofalante ante o seu grupo de iguais.
Banda deseñada desde a Galiza
Agosto é o mes por excelencia das viñetas, nomeadamente na cidade da Coruña, escenario de dous grandes festivais que Manuel Barreiro gozou para compartilos agora co público lector do Sermos Galiza.
A banda deseñada marca o tempo na cidade herculina e faino a través de dous eventos complementarios, o Viñetas desde o Atlántico e o Autobán. Dúas citas que exploran e amosan a plenitude do xénero, das novidades, dos seus autores e da autoedición.
Música, arte e lecer
O Sermos Galiza desta semana achéganos, ademais, ás fontes do Sil, nunha nova entrega do ‘Andar e ver’ que o Colectivo Xea cadrou en Cabrillanes, León.
Mario Regueira comparte con Susana Sanches Arins a escolla literaria da semana, unha selección de libros que inclúe O país dos raposos, de Adrián Noia; María Casares fronte ao espello, de Sabela Hermida; O pote do ouro, de Calros Solla; O libro do verán, de Tove Jansson; A caza do Tiburiente, de Lewis Carroll, e A agonía das folerpas, de Oscar Reboiras Loureiro.
Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Upgrade, de Leigh Whannell. A música póñena Belem Tajes e César Morán, con notas de jazz, folk norteamericano e as sensacións dun concerto ao vivo cun público interactivo.
Unha vez máis, Manuel Xestoso lévanos a escena para achegarnos a última produción de ButacaZero baixo a dirección de Xavier Castiñeira; ademais doutras propostas para encher a axenda teatral da semana.
Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.
Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros!