Lugo Sen Mordazas reclama máis servizos para as persoas sen fogar

Acción de Lugo Sen Mordazas para visibilizar a pobreza no Nadal de 2019 (Imaxe: LSM)

O colectivo colocou bonecos polas rúas da cidade, con mensaxes reivindicativas que retratan a situación das persoas en risco de exclusión.

 

O 24 de decembro, a cidade de Lugo amenceu con bonecos espallados polas súas rúas. Tombados diante d

un caixeiro, sobre un banco, baixo unha porta e acompañados de carteis con mensaxes: "Con 400 euros de Risga só podo pagar o aluguer, teño que poder comer", "Teño que ir todos os días até a policía local, que está no outro recuncho da cidade, para poder facer noite no albergue" ou "Son diplomada en pobreza, mestrado en desnutrición".

As figuras forman parte dunha campaña do colectivo cidadán Lugo Sen Mordazas (LSM), nado en 2018, para dar visibilidade á pobreza na cidade. Nun comunicado que arranca co hashtag #NinguénInvisibleenLugo LSM denuncia que Lugo "é a terceira cidade do Estado na que máis porcentaxe de vivendas baleiras hai" (1 de cada 5, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística), e que "tan só conta cun albergue mal chamado 'Fogar do Transeúnte' con 16 prazas para homes e 4 para mulleres". 

O colectivo destaca que a estadía no albergue non pode superar os tres días ao mes, "tempo no que ningunha persoa pode procurar un teito baixo o que resgardarse, agás un caixeiro automático ou un soportal". A traballadora social do municipio, explica LSM, "non pode ofrecer nada máis" que "dous pisos de emerxencia ou o pago de quince días nun motel". Os servizos

sociais, alarman, "son insuficientes e están colapsados".

"Xunto a artistas como 'o curmán de Bansky' quixemos colaborar nesta acción reivindicativa para visibilizar as nosas veciñas sen casa, que si teñen identidade, historia e vida detrás de cada marca da súa faciana, detrás de cada cicatriz nas súas mans, de cada pedra nas súas costas e ás que as Administracións Públicas non saben ou queren dar resposta", anunciaron desde LSM. Na súa publicación, o colectivo lamenta que a policía local dese a orde de retirar os bonecos aos servizos de limpeza. "O que acontece cada día coas persoas pobres", reivindican.