Xente sen casa: unha constante en aumento

Camas no albergue Xoán XIII en Santiago de Compostela

Ante o xogo de competencias entre as administracións, máis de tres mil persoas sen fogar en Galiza -dados extraídos do último informe publicado por Cáritas- viven entre servizos deficientes e un sistema que non ten en conta as súas necesidades.

En pleno século XXI, cando os grandes partidos enchen a boca a falar do Estado de Benestar, fóra do seu manto fican esquecidas milleiros de persoas sen fogar. Por que o actual modelo resulta insuficiente á hora de alcanzar esta poboación? Que acontece?

 

“Ninguén pasa calamidades por propia vontade”, afirman desde o Valedor do Pobo no informe ‘As persoas sen fogar en Galicia’ (2010). Nel concretan que o perfil máis común de persoa sen teito é un varón, maior de 45 anos, desempregado e habitualmente con problemas de adicción. Tamén se contempla a alta incidencia de problemas de saúde mental no colectivo: 25% sofre algún tipo de trastorno psiquiátrico. Segundo o documento, quen vive na rúa son persoas excluídas logo de repetidas rupturas familiares, laborais e sociais que, moi amodo, provocan que fiquen relegadas a unha vida de illamento.

 

Aliás, cómpre resaltar como semella que a crise da última década abriu aínda máis o espectro, incluíndo cada vez máis a persoas estranxeiras, xente moza e un maior número de poboación feminina. A pobreza ten rosto de muller. É claro entón que os colectivos máis vulnerábeis son os que caen sempre polas fendas do sistema. Porén, non supoñen sequera un segmento de voto que mereza a atención do poder político?

 

A crise da última década abriu aínda máis o espectro, incluíndo cada vez máis a persoas estranxeiras, xente moza e un maior número de poboación feminina

 

En dados xerais, e segundo o último informe publicado por Cáritas, na Galiza viven arredor 3.654 persoas sen fogar. Segundo o INE, no ano pasado a media diaria de xente usuaria en centros de atención a persoas sen fogar medrou 20,5% a respecto do 2014. Isto tradúcese nunha media de 16.437 persoas que diariamente acuden a estas instalacións. A ocupación media alcanzou 85,9%, cifra superior á observada en 2014, que foi de 81,8%.

 

Co fin de estudar este problema, a facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela acolleu o pasado novembro o congreso A situación das persoas sen fogar: recursos específicos. A xornada, que xa realizaba a súa segunda edición, reuniu actores sociais de diversos puntos da xeografía peninsular para tratar causas, consecuencias e posíbeis solucións ao senfogarismo.

 

Home, yonkie e sen traballo: por que cómpre superar o cliché?

 

O evento contou coa participación do sociólogo Albert Salas, coordinador do programa de atención a persoas sen fogar de Barcelona, quen abordou a necesidade de superar o perfil mediático das persoas sen fogar ao delimitar o problema do senfogarismo en, básicamente, un fenómeno de habitacionalidade. Como o propio nome indica, “o que une as persoas nesa situación é a falta dunha vivenda”, explicou.

 

De feito, o tamén especialista en senfogarismo e doutor en Socioloxía pola Universidade Pontificia de Comillas, José Pedro Cabrera, define as persoas sen fogar como aquelas “non posúen un lugar físico onde residir, dun espazo para a privacidade, para manter relacións sociais ou espazos para si mesmos”. Este problema atinxe, pois, un perfil heteroxéneo -adicións, saúde mental, desemprego, desarraigo social...- cuxo denominador común é unicamente a ausencia dunha vivenda.

 

O certo é que canto máis se aprofundiza na cuestión, máis claras son as insuficiencias do actual sistema de cuantificación do fenómeno do senfogarismo. A maioría dos dados aportados -quer pola Administración quer polo terceiro sector- son o resultado de recontos a pé de rúa ou entre usuarias de centros asistenciais. Porén, como sinalou Salas, o fenómeno ultrapasa o ámbito dos albergues e, polo tanto, os dados deixan fóra a unha significativa fracción das persoas sen fogar.

 

Co obxectivo de subsanar esta carencia, a Federación Europea de Asociacións Nacionais que Traballan con persoas Sen Abrigo (FEANTSA), constituíu a tipoloxía Ethos. Estas catro categorías definen varios graos dentro do senfogarismo e permiten enriquecer a visión cuantitativa que até o de agora ofrecían os estudos.

 

Ethos contempla os recontos feitos en rúa, mais tamén todas aquelas persoas sen fogar que si contan cun teito, mais de calidade moi precaria. Aquí estarían incluídas infravivendas como o chabolismo ou situacións de habitabilidade limitada. Unha vez se aplica esta nova óptica, as cifras de persoas sen fogar medran exponencialmente e o perfil do que falabamos antes amosa unha paisaxe máis diversa.

 

Deste xeito, vemos como a figura da muller, que acostumaba a estar fortemente infrarrepresentada nos recontos, colle máis peso e a balanza entre xéneros equilíbrase máis. Isto responde a unha diferenciación de xénero no aproveitamento de recursos sociais. En liñas xerais, as mulleres acostuman contar con cargas familiares e, por extensión, acuden con máis facilidade a teitos informais (familiares, amizades, veciñanza…) e aos servizos sociais, quen á súa vez se envorcan moito máis cando as crianzas están na ecuación.

 

No entanto, esta circunstancia tamén provoca que a atención a persoas en situación de rúa sexa configurada para un perfil maioritario conformado por varóns. Porén, as mulleres que viven na rúa están aí porque parten dunha situación que -en liñas xerais- é moito máis grave que a dos homes. É máis, a meirande parte delas contan cun importante historial de violencia; os estudos sinalan que máis de 40% sofren ou sofreron agresións.

 

Para isto, primeiro hai que determinar cal é o problema polo que esta ampla variedade de persoas non teñen casa. De que depende esta situación? Tal e como se debateu nas xornadas de senfogarismo, a situación socioeconómica actual causa que unha importante porcentaxe da clase traballadora galega non chegue a superar o umbral da pobreza pese a ser asalariada debido ao alto custe de vida e á precarización das condicións laborais. Podemos concluír entón que calquera persoa normal é susceptíbel de padecer unha situación similar, independentemente do seu desempeño individual.

 

Un nó de competencias por desenredar

 

Amosados os dados, chégase inevitabelmente cara á seguinte cuestión. Como solventar a situación? Actualmente, a Administración pública non logra chegar a unha xestión eficiente das competencias neste ámbito. Mentres é a sociedade civil quen asume o cargo de afrontar o traballo: máis de 50% das persoas que diriamente atenden os individuos sen fogar en centros de axuda son voluntarias. 44,5% destes centros, na súa grande maioría de titularidade privada, funcionan cun orzamento anual de arredor de 100.000 euros. 76,8% da financiación dos centros é pública. Na Galiza, dos 731 en persoal, 430 era voluntario. O actual servizo de atención a persoas sen fogar é nomeadamente de cariz asistencial e, na maioría dos casos, non conta cunha estrutura ou coordinación pública forte.

 

No debate sobre a quen compete este papel, a Estratexia Nacional para Persoas Sen Fogar chama á corresponsabilidade das administracións, mais indica que os concellos deben ser o actor administrativo encargado do liderado na xestión da atención a persoas sen abrigo. Isto responde ao feito de ser o ente público con contacto máis directo coa veciñanza. Estes deben facer balanzo de competencias e combinar as súas actuacións con aquelas outras institucións que regulan servizos externalizados, como por exemplo a saúde.

 

Actualmente, o modelo housing first -metodoloxía que consiste na facilitación dunha vivenda e apoio profesional ás persoas sen fogar- está a ser unha aposta innovadora e forte en moitas localidades. Hai exemplos quer a nivel estatal, co plan da fundación RAIS, quer a nivel galego, co plan Mi Casita do Concello da Coruña, que abriu un centro de baixa esixencia no bairro de Monte Alto. No caso do Concello de Santiago de Compostela, por outra banda, a concellaría de Política Social está a traballar na elaboración dun Plan Integral de Atención a Persoas Sen Fogar.

 

O caso compostelán

 

O Plan, cuxo remate está programado para o primeiro trimestre do proximo ano, nace co fin de actuar en campos chave como a prevención, a promoción da saúde ou, a imitación do traballo realizado en Barcelona, o establecemento de convenios con outras entidades do terceiro sector que xa están a atender persoas sen teito. A concellería tamén incorporou á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel a apertura dun centro de atención integral na cidade, o cal xa conta cunha partida orzamentaria de 1 millón de euros para a súa construcción.

 

Estes proxectos trátanse da culminación dun proceso que iniciou no 2009 cun estudo sobre o estado de situación das entidades que traballaban na cidade con persoas sen fogar. Nese estudo indicábase a necesidade de realizar traballo de rúa e de coordinación entre todas as entidades. Na cidade existen máis dunha quincena de asociacións que se ocupan da atención a transeúntes os 365 días do ano. Un exemplo é o albergue San Xoán XXIII, xestionado pola Orde Franciscana, que naceu en 1988 e provee de 25 prazas de cama, centro de día, servizo de duchas, roupeiro e mesmo obradoiros ocupacionais. A pesar de contaren con ampla experiencia e espaciosas instalacións, desde a propia institución sinalan que non serían quen de funcionar sen a colaboración constante coas outras iniciativas de Santiago de Compostela como o centro Vieiro, o Banco de Alimentos ou as subvencións públicas das tres Administracións coas que contan.

 

Consecuentemente, en setembro de 2015 foi constituída a Mesa de Coordinación sobre a Atención a Persoas sen Teito, onde estaban representadas unha quincena de entidades. Daí saíu o actual equipo de rúa, coordinado por Cruz Vermella, amais dun programa de pensións para facilitar aloxamento temporal e a cesión a FEAFES de tres vivendas que fosen acondicionadas seguindo o devandito modelo de housing first.

 

A concelleira de Política Social compostelá, Concha Fernández, valora positivamente o traballo realizado, e apunta que desde a Concello procuran “unha abordaxe particular que contemple a complementariedade coas Administracións e a colaboración con entidades do terceiro sector”. Fala tamén sobre as limitacións que a Administración local atopa á hora de liderar a atención a persoas sen fogar. “Non hai un Plan Galego no que poder coordinar as nosas accións, polo que estamos desamparadas en moitos aspectos xa que a moitos dos recursos requeridos son competencias doutras administracións. A Xunta, por exemplo, ten competencias en materias de saúde e vivenda que nós non”, explica.

 

O problema: o sistema

 

Porén, mentres que a colaboración co Sergas é sempre factíbel a través de cuestións concretas ou coordinación cos servizos sociais, a xestión da atención a persoas sen fogar complícase cando chegamos ao núcleo do problema: a vivenda. “Non hai vivenda pública que poida dar soporte e entrar no mercado para que non todo estea sometido á presión turística e á lei da oferta e da demanda, polo que cada vez estamos a consolidar máis un modelo social e laboral de vivenda que exclúe e vai deixando máis e máis xente no camiño, xente que en calquer momento podería quedar na rúa”, desenvolve Concha Fernández.

 

E é que as competencias autonómicas e estatais en materia de vivenda son moi limitadas ao ser un ámbito totalmente regulado polas dinámicas de mercado. Polo tanto, quizais non sexa realista falar dunha erradicación total do senfogarismo, nomeadamente en chave local. Un concello non pode aspirar a solventar tal problemática porque está por riba das súas competencias e, mesmo nas esferas supranacionais nas que isto podería ser atendido, non se abordan solucións. A propia FEANTSA admite que, a nivel europeo, non se está a facer nada para regular os mercados inmobiliarios. Mentres, o senfogarismo aumenta como unha constante en todo continente.

Un home que leva anos a vivir na rúa, unha muller con crianzas que cobra 4 euros a hora por labores de limpeza, unha persoa migrante que non dá regularizado a súa situación nen pode acceder a unha vivenda, un mozo que perdeu o traballo e non pode pagar o aluguer… Todas elas poderíamos ser todas nós. Vítimas de factores estruturais do propio sistema económico capitalista, que non deixa de ser o principal responsábel da lóxica especulatoria que encarece a vivenda e a converte nun valor de cambio, no canto dun dereito.

 

Nota: todas as fotos son da autoría de Laura R. Cuba e foron tomadas no Albergue Xoán XXIII, en Compostela