Protesto

Once meses de acampada polas persoas sen fogar

[Imaxe: Cedida]

Once meses durmindo na porta do consistorio vigués para denunciar a falta de alternativas habitacionais e as carencias dos servizos sociais.  E once meses esperando para ser recibidos polo alcalde da cidade, Abel Caballero, que se nega a escoitar as demandas do colectivo. Eis un extracto da reportaxe publicada no semanario Sermos Galiza 281.

O primeiro escrito que presentei no Concello foi en xullo de 2015. Aínda estou esperando resposta. Entón xa explicaba algúns problemas do albergue, pero meu enfoque non era igual. Antes botaba máis a culpa sobre as persoas sen fogar. Co tempo, colaborando cos movementos sociais, vas entendendo que son as institucións as que non ofrecen ningunha saída”, conta Juan Miguel Carollo, que iniciou o movemento da ‘Acampada contra a pobreza’ o 28 de febreiro de 2017 na praza do consistorio vigués.

 

Este bilbaíno de 48 anos durmiu durante tres anos no parque de Castrelos. Transitou os dous albergues da cidade. Viviu en primeira persoa as carencias das políticas sociais. Pero conseguiu saír da rúa con outra acción directa. Unha folga de fame en pleno centro da cidade que fixo o que para a maioría resulta impensábel. Tras cinco días de xaxún, o Goberno local decidiu pagarlle unha estancia temporal e acelerar os trámites para a concesión de axudas sociais. 

 

“O día seguinte tiña aprobada o que chaman unha municipal, que adoita tardar tres meses. E a Risga, cando están tardando seis meses en pasar a documentación do concello á Xunta, pasou en tres días. Demostrei que cando queren, poden facelo, que poden encontrar solucións para casos de emerxencia e que non existen escusas. Por iso decidín iniciar a acampada”, explica Carollo, ao que se lle foron unindo veciñas e veciños.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 281 do semanario Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]