A situación das persoas sen fogar, a debate en Compostela: son máis de 3.600 en Galiza

sen fogar

Profesionais de toda a Península toman parte na ‘II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela: Recursos Específicos’, que decorrerá esta sexta feira, 10 de novembro.

 

A existencia de persoas sen fogar é unha realidade tan presente como moitas veces silenciada ou reducida (e estigmatizada) a unha cuestión de orde pública. Segundo os datos de Cáritas, referidos ao ano 2015, na Galiza hai por volta de 3.600 persoas sen fogar. A Cruz Vermella, organización que desenvolve en Galiza o programa ‘Sen Teito’, que forma parte do Plan Galego de Inclusión Social, atende a unhas 1.300 persoas que viven na rúa en Galiza, tamén segundo datos do ano 2015. A maioría son homes, de nacionalidade española e de entre 35 e 45 anos.

 

O Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela acolle esta sexta feira, 10 de novembro, a segunda edición das xornadas sobre a situación das persoas sen fogar.  Están oganizadas pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde e participada pola Mesa de Traballo para o estudo da situación das persoas sen teito-transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

 

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, explicou que "esta segunda xornada ten como obxectivo continuar coa filosofía da primeira edición, amosando experiencias galegas, estatais e internacionais sobre recursos específicos destinados ás persoas sen fogar, explicados por responsables e persoal técnico de diversas entidades".

 

O público destinatario da xornada serán profesionais e persoal voluntario de institucións e iniciativas relacionadas coa atención a persoas sen fogar, así como estudantes do ámbito social e comunitario. A asistencia á xornada é de balde, previa inscrición a través deste formulario ata o 9 de novembro.

 

O programa da xornada contempla a participación de profesionais de referencia no estudio e asistencia do senfogarismo en distintos puntos da Península. A sesión inaugural correrá a cargo de Albert Sales, coordinador do Plan de Loita contra o Senfogarismo de Barcelona 2016-2020, que falará do traballo en rede que se articula nesta cidade para resolver unha das problemáticas que ocasiona maior vulnerabilidade nas persoas.

 

Íñigo Parga falará dos recursos de baixa esixencia que se empregan no centro de día de Errekalde, en Bilbao; mentres María Rosario Jiménez apuntará propostas cara un cambio de modelo baseándose na súa experiencia como traballadora do Albergue de Zaragoza. A mesa estará presentada e moderada pola psiquiatra da Xerencia de Xestión Integrada do CHUS, Lucía del Río, experta na abordaxe do senfogarismo dende a perspectiva da saúde mental.

 

A sesión de tarde xirará arredor da estratexia portuguesa para as persoas sen fogar. Paulo Martins, psicólogo no programa Casas Primeiro, xestionado pola AEIPS (Associaçao para o Estudo e Integraçao Psicossocial). Martins presentará a Estratexia de Atención ao Senfogarismo 2017-2020, que acaba de ser presentada en Portugal. A continuación presentaranse os recursos locais que se destinan á atención do senfogarismo en distintas cidades galegas. Nesta mesa estarán Ana María González, tenente de alcalde de Lugo, que presentará o Centro de Atención a Transeúntes; Teresa Regueira, traballadora social do Concello da Coruña, que atende o Centro de Baixa Esixencia en Monte Alto; e Paz Fernández, xefa dos Servizos Sociais do Concello de Vigo e responsable do Albergue Municipal.