A realidade das persoas sen fogar

O circuíto da pobreza ou como vagar polo máis básico

[Imaxe: Rubens Rocha]

Durmir á intemperie, nun caixeiro, nun soportal. Ocupar unha casa en ruínas, un edificio abandonado, unha vivenda baleira. Pasar as noites nunha pensión inmunda, nun cuarto alugado en mal estado. Andar de cidade en cidade en busca dunha cama libre nun albergue. No número 241 do semanario Sermos Galiza abordamos a realidade das persoas "sen teito".

Albergues e comedores sociais, moitos deles xestionados por organizacións relixiosas, son as principais respostas das institucións galegas á problemática das persoas sen fogar. A maioría fixa un prazo de entre sete e dez días de estancia continuada, tendo que esperar un tempo similar para regresar. Recursos que, segundo os colectivos sociais, fomentan a cronificación dos casos, son pouco flexíbeis e insuficientes para resolver un problema que vai alén das carencias materiais. Caen no que S. R., de 34 anos, define como un “circuíto da pobreza” para o que non ofrecen solución.

“Vas rebotando de albergue en albergue, algunhas noites quedas sen cama e toca buscar un caixeiro. Cando te levantas o primeiro que buscas é un café quente. Logo á unha do mediodía tes que estar na cola do comedor ou quedas sen papar. Pola tarde tratas de safar un bocadillo nas monxas. E ás oito toca marchar para ter sitio no albergue. Cada cousa nun recuncho da cidade. Entras nesa espiral e non encontras saída, dependes para todo. Para ducharte, para renovar o DNI, para lavar a roupa, para cargar o móbil, para os medicamentos...”, explica sobre o seu día a día.

Outros como C.M., de 47, prefiren itinerar para asegurarse un teito. “Paso dez noites no albergue de Vigo, aforro o necesario para marchar en bus a Santiago para outras dez e logo volvo baixar”. Do que saca pedindo na rúa paga o boleto, pero hai quen chegou mesmo a emprender a viaxe a pé. “Varias veces quedei sen cartos e xa cumprira o prazo nos albergues, así que marchei camiñando até Pontevedra”, recorda L.G., de 29 anos.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 241, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]