Sanidade

A lei obriga a xerente do Sergas a absterse en procedementos referidos ao seu irmán

Estrella López-Pardo, no acto de toma de posesión como xerente do Sergas en agosto de 2022. (Foto: Xunta da Galiza)
O BNG ve conflito de intereses entre a xerente do Sergas e de Ahosgal.

A pasada semana Nós Diario facía público, en exclusiva, que a xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Estrella López-Pardo, era irmá do director xerente da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal), Manuel López-Pardo. Neste caso, a relación de parentesco entre a responsábel da sanidade pública galega e o directivo da patronal da sanidade privada é de segundo grao de consanguinidade. A lexislación galega estabelece para estes supostos o deber de absterse.

A Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, alude ao “conflito de intereses” para aquela persoa que ocupe un alto cargo na administración cando se trate de “intereses propios” ou “intereses familiares, incluíndo os do seu ou da súa cónxuxe ou persoa con quen conviva en análoga relación de afectividade, así como os de parentes dentro do cuarto grao de consanguinidade e do segundo grao de afinidade”. A este respecto, a relación entre a xerente do Sergas e o xerente de Ahosgal é de segundo grao de consanguinidade.

A deputada do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado vén de advertir deste suposto nunha iniciativa presentada no Parlamento da Galiza. Nesta dirección, alerta dunha "relación de parentesco estreito que deita dúbidas sobre a repercusión da existencia de conflito de intereses e do cumprimento do principio de imparcialidade e obxectividade na toma de decisións".

A abstención diante do conflito de intereses

A lexislación de aplicación sinala: "As persoas que ocupen os altos cargos comprendidos no ámbito de aplicación deste título deberanse abster de intervir nos procedementos administrativos que afecten os seus intereses persoais”, entendendo estes últimos como “os intereses propios” ou “os intereses familiares”. 

Neste sentido, a normativa fixa que “a abstención realizarase por escrito para a súa adecuada expresión e constancia, e notificarase á persoa superior inmediata ou, no seu defecto, ao órgano que o ou a nomeou, que resolverá o procedente”.

Prado considera que a normativa “estabelece polo tanto nitidamente que os altos cargos deben absterse de intervir nos procedementos administrativos que afecten os seus intereses persoais, incluíndo dentro destes os intereses familiares dentro do cuarto grado 
de consanguinidade”.

A voceira nacionalista en materia de Sanidade sinala que “esta  estreita relación de parentesco entre a xerente do Sergas e o xerente de Ahosgal fai saltar as alarmas de que, desde o Sergas, se poidan estar primando intereses particulares por enriba dos colectivos, o interese privado por enriba do interese público, toda vez que os hospitais privados que forman parte desta asociación son receptores dunha importante cantidade de recursos públicos”.

A representante do BNG anuncia a presentación dun paquete de iniciativas na Cámara galega co obxectivo de que se clarifique se se están a producir interferencias na toma de decisións no Sergas a respecto de concesións, concertos ou convenios con hospitais asociados a Ahosgal e derivadas da relación de parentesco da xerente do Sergas co director xerente da mesma”. 

A relación da sanidade privada coa Xunta

A Xunta da Galiza destinou en 2022 á sanidade privada 219 millóns de euros, o que representa 4,5% do total orzamento sanitario galego para ese exercicio. A contía significa un incremento de practicamente 14 millóns de euros en relación a 2020, cando acadou 205 millóns e en 2,8 millóns de euros en referencia a 2021.

A partida máis elevada deste capítulo é a destinada a concertos con institucións da Atención Especializada, que suma o 62,9% do total.Ao tempo, os concertos para programas especiais de hemodiálise significan o 11,2%, os concertos con centros de servizos de diagnóstico, tratamentos e terapias o 7,4%, os concertos para o programa especial de transporte o 14,1%  e outros servizos de asistencia sanitaria o 4,5%. A Xunta ten concertadas 1.654 prazas hospitalarias.