O BNG aposta por un 8-M "os 365 días do ano"

"A igualdade non se reivindica un só día", subliña Pontón, que censura o 'purplewashing' que practican moitas institucións e entidades privadas.
Presentación da campaña, esta segunda feira, na rúa Xeneral Pardiñas de Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación da campaña, esta segunda feira, na rúa Xeneral Pardiñas de Santiago. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta segunda feira a primeira campaña do BNG de cara a este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, que se estenderá durante todo o ano porque, insistiu, "a igualdade non se reivindica un só día, constrúese os 365 días do ano".

Coa presentación dun dos mupis publicitarios desta campaña, situado na rúa Xeneral Pardiñas de Santiago, as nacionalistas arrincan os actos desta data conmemorativa. A líder do Bloque tamén quixo denunciar que coincidindo con esta data institucións e entidades privadas conmemoran o Día Internacional da Muller, pero "non é suficiente se non hai un compromiso para que a igualdade exista o resto dos días de ano".

"Iso é o que se chama purplewashing, un lavado de imaxe lila nun día concreto pero sen ter un compromiso real para que a igualdade se converta nunha realidade", especificou. Neste contexto, sinalou que é "evidente" que "seguen existindo desigualdades".

"As mulleres temos menos emprego, máis precariedade, seguen recaendo sobre nós os coidados, seguimos sufrindo violencias machistas, e iso pon no centro a necesidade de loitar contra a desigualdade", subliñou.

Así, no marco desta campaña, o BNG cambiará cada mes a denuncia que expoñen nos mupis publicitarios. Por exemplo, este mes de marzo centra a denuncia na fenda salarial, que Pontón considera "sangrante". "Na Galiza as mulleres cobramos 4.236 euros menos ao ano polo feito de ser mulleres", apuntou.

Ademais, a denuncia acompáñase cunha proposta que, neste caso, trata da creación da Valedora da Igualdade, unha figura para "actuar no ámbito privado contra todas as desigualdades e que teña capacidade para actuar e para promover medidas que corrixan esas desigualdades e con capacidade sancionadora".

Comentarios