Investigan a intencionalidade do fogo de Vigo en que morreron tres crianzas e a súa nai

Dous axentes de policía traballando no portal número 6 da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, onde se produciu o tráxico incendio que acabou coa morte de catro persoas. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Tres crianzas de entre 9 e 14 anos e mais a súa nai perderon a vida nun incendio rexistrado onte nun edificio situado no centro de Vigo. A veciñanza da rúa alerta da posíbel intencionalidade do lume. No momento do incendio estaban dispoñíbeis 17 bombeiros no canto de 20, o mínimo estabelecido na ordenanza municipal.

Catro persoas faleceron ao redor das 4 horas da madrugada desta cuarta feira, 11 de outubro, nun incendio rexistrado no número 6 da rúa Afonso X O Sabio de Vigo, no barrio das Travesas. As vítimas mortais son unha muller nova e de tres dos seus fillos menores de idade (de entre 9 e 14 anos).

O pai das crianzas atópase en estado grave ingresado na UCI do hospital Povisa. Unha cuarta filla da familia, unha nena de 8 anos, foi trasladada ao Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña. Con respecto ao resto das persoas que tiveron que ser hospitalizadas, a Consellaría de Sanidade informou de que permanecen ingresadas cinco, das que catro están na UCI (unha delas en estado grave e outras tres estábeis). 

O incendio desatouse de madrugada, e todo semella indicar que comezou no portal do inmóbel, que estaba 'okupado', segundo denunciou a veciñanza da rúa. A mesma sinalou inicialmente que o lume foi intencionado e apuntou directamente a un varón que viviu no edificio e foi expulsado "por conflitivo".

"Crónica dunha morte anunciada"

Veciñas e veciños do inmóbel describiron o suceso como unha "crónica dunha morte anunciada" debido á situación que se vivía no mesmo. Defenderon que o lume iniciouse no cuarto piso e na entrada, creando unha "rateira" que non permitía saír ninguén do edificio. Na mesma liña, explicaron que o incendio se desataría tras arder unha motocicleta situada no interior do portal, expandíndose o fume por todo o inmóbel. Con todo, os operativos de seguridade non confirmaron que esa fose a orixe do fogo. 

A veciñanza da rúa criticou que os servizos sociais do Concello de Vigo coñecían a situación que se vivía no edificio, onde xa se rexistraran varios conatos de incendio nos últimos meses. Nas súas reclamacións, veciñas e veciños pediron vivendas sociais para "poder criar as súas familias", xa que "non lles queda outra que okupar". "Fálase de okupación pero non de vivendas sociais", criticaron. Segundo estas fontes, dos dez pisos do número 6 da céntrica rúa, só un era "legal", cunha renda antiga, mentres que o resto estaría okupado. 

Non obstante, tanto o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, como fontes policiais matizaron que era prematuro confirmar a hipótese da intencionalidade da catástrofe, mentres a Policía Científica segue a traballar para dilucidar o acontecido na madrugada da cuarta feira. "De momento non se pode aventurar calquera tipo de conclusión de causa inmediata", sinalou Branco.

Danos estruturais no inmóbel

Fontes do Goberno local confirmaron que o edificio en cuestión estaba pendente de ser desaloxado para a "realización de obras menores". A propiedade do inmóbel, a través dun administrador, trasladara ao Concello hai unhas semanas a súa intención de recorrer á vía xudicial para "recuperar a posesión" do mesmo.

Así o explicou esta cuarta feira a concelleira de Urbanismo, María José Caride, que sinalou que, hai un mes, a propiedade do edificio, unha comunidade de bens –que tamén é dona do edificio lindeiro (o número 4)–, comunicou ao Concello a súa intención de facer traballos de reforma e de iniciar a vía xudicial para desocupalo e recuperar a posesión do mesmo. 

Con todo, matizou que non constaba que houbera danos estruturais importantes no edificio. Segundo expuxo esta cuarta feira Caride, o Concello tiña constancia dalgúns danos nunha fachada interior, pero os técnicos non puideron ratificalos porque non se lles permitiu o paso por parte das persoas residentes. 

As declaracións da edila de Urbanismo contrastan co denunciado esta cuarta feira pola sección sindical da CUT no servizo de bombeiros de Vigo, que afirma que "o Concello tiña constancia de informes nos que advertiamos sobre o mal estado do edificio". A central alertou de que efectivos de extinción realizaron informes sobre os problemas que presentaba o inmóbel en intervencións realizadas con anterioridade, alertando de que había xente vivindo alí en malas condicións de habitabilidade e que as dependencias do edificio acumulaban avíos, "o que podería supor un problema no caso de incendio grave".

Falta de operativos

No dispositivo participaron os dous "trens de primeira saída" de ambos os parques municipais –o de Teis e o provisional de Coruxo– formados por un sarxento, catro bombeiros e un condutor. A maiores, mobilizouse o vehículo escaleira para rescate en altura cun bombeiro e un condutor, e a motobomba urbana do parque de Coruxo. 

Con todo, esa noite traballaron menos efectivos dos que estipula a propia norma, segundo trasladan a Nós Diario integrantes do retén, que sinalan que os operativos policiais, os médicos e os de extinción de incendios están sempre baixo mínimos. "Non daban chegado as ambulancias", afirman.

E é que a ordenanza municipal estabelece en 20, como mínimo, os bombeiros activos na súa área urbana. Porén, na madrugada de desta cuarta feira eran 17 os efectivos operativos. Trátase dunha situación, a da falta de persoal, que os bombeiros do Concello levan anos denunciando, alertando mesmo a pasada semana que, en caso de urxencia, "poríase en serio risco a integridade das persoas".

O persoal de extinción insta o Concello a tomar en serio o problema "dunha vez por todas" e evitar que ocorra "antes ou despois outra desgraza".


Sociedade Xitana denuncia o "trato discriminatorio" coas familias afectadas

Veciñas e veciños do edificio incendiado, esta cuarta feira, logo de seren desaloxados. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A asociación Sociedade Xitana denunciou esta cuarta feira, 11 de outubro, o "trato discriminatorio" por parte do Concello de Vigo ás familias de etnia xitana que vivían no edificio incendiado na madrugada da cuarta feira e no que perderon a vida catro persoas. 

Segundo sinalou a entidade, no inmóbel vivían até "10 familias xitanas" que tiveran que optar pola 'okupación' ao non dispor de solucións habitacionais alternativas. "Estas familias foron repetidamente a pedir axuda ao Concello e aos seus servizos sociais despois de que os botaran dun poboado 'chabolista' e doutras vivendas okupadas", indicou a asociación nun comunicado. 

Sociedade Xitana sinalou que "de maneira despectiva, discriminatoria" desde os servizos municipais alegaban que non dispoñían de vivendas sociais e non podían axudalos, polo que responsabilizaron directamente o alcalde da cidade, Abel Caballero, de que estas familias teñan que recorrer a okupar inmóbeis que, en moitos casos, son foco de problemas pola presenza de persoas conflitivas.

Finalmente, lamentaron que o Concello se escude na falta de vivendas e de recursos económicos para pólas a disposición mentres "gasta inxentes cantidades en obras faraónicas" e mentres o rexedor "presume" de superávit

Pola súa parte, Abel Caballero informou de que se decretan tres días de loito oficial na cidade, con bandeira a media hasta, e suspendéronse todos os actos municipais (incluído o pleno extraordinario previsto para esta cuarta feira). Tamén a Garda Civil confirmou a desconvocatoria dos actos previstos para a quinta feira, 12 de outubro, con motivo da festividade do día do Pilar.