O edificio incendiado en Vigo, segundo os veciños de forma intencionada, estaba pendente de ser desaloxado

Portal número 6 da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, após o incendio. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Residentes do edificio apuntan directamente a un home que viviu no inmóbel até hai poucas semanas e que foi expulsado por "conflitivo". Desde o Concello defenden que non constaban "danos estruturais importantes" neste inmóbel.

O edificio incendiado esta pasada madrugada en Vigo, no que faleceron unha muller e tres menores —os seus fillos, segundo a veciñanza—, estaba pendente de ser desaloxado para a realización de reformas menores, segundo informaron fontes do Goberno municipal. A propiedade do inmóbel, a través dun administrador, comunicara hai unhas semanas ao Concello a súa intención de acudir á vía xudicial para "recuperar a posesión" do mesmo.

Así o explicou esta mañá a concelleira de Urbanismo, a socialista María José Caride, que matizou que, con todo, non constaba que houbese danos estruturais importantes no edificio. No consistorio vigués tiñan constancia dalgúns danos nunha fachada interior, mais o persoal técnico non puido ratificalos porque non se lle permitiu o paso por parte dos residentes.

A edil responsábel de Seguridade, Patricia Calviño, tamén precisou que nese mesmo inmóbel houbo "varias intervencións" de efectivos de emerxencias e que, salvo unha delas, todas foron "falsas alarmas". Calviño concretou que o pasado mes de agosto xa se rexistrara un incendio que afectou un cadro eléctrico, se ben os danos non se estenderon a outras zonas do edificio. Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, confirmou que tanto os servizos sociais do Concello como da Xunta coñecen a familia dos falecidos, e que tiñan "historia aberta" en ambas as administracións.

Foi intencionado?

Veciños e veciñas do edificio, o número 6 da rúa Alfonso X o Sabio, aseguran que o fogo foi intencionado, mais as autoridades advirten que, polo de agora, aínda é cedo para precisar as causas. A Policía Científica está a investigar o suceso e aínda non se pode "aventurar calquera tipo de conclusión de causa inmediata", sinalou o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Blanco.

Con todo, veciños residentes no edificio que conseguiron saír ilesos indicaron aos xornalistas desprazados até o lugar que o lume podería ser intencionado. Apuntan directamente a un home que viviu no inmóbel até hai poucas semanas e que foi expulsado por "conflitivo".