Catro persoas falecidas e varias feridas de diversa gravidade no incendio dun edificio en Vigo que puido ser intencionado

Toda a veciñanza do portal número 6 da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo tivo que ser desaloxada por mor do tráxico incendio. (Fotos: Javier Vázquez / Europa Press)
O fogo, xa extinguido, afectou o número 6 da céntrica rúa Alfonso X o Sabio e obrigou a desaloxalo por completo. Outras nove persoas foron trasladadas ao hospital, tres delas en estado grave, entre as que se atopa outro menor.

Catro persoas morreron e varias resultaron feridas e foron trasladadas a diversos centros hospitalarios por un incendio declarado esta madrugada nun edificio en Vigo, no número 6 da rúa Alfonso X o Sabio. Segundo trasladaron a primeira hora desta cuarta feira fontes da central de emerxencias do 112-Galiza, traballan no lugar profesionais sanitarios do 061, os Bombeiros de Vigo, a Policía Nacional e a Local. Tamén se trasladou un equipo de psicólogos do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza especializado en emerxencias graves.

A concelleira delegada da área de Seguridade de Vigo, Patricia Rodríguez, lamentou as vítimas mortais, tres delas menores de idade, de entre 9 e 14 anos, segundo fontes policiais e do 112. A cuarta vítima sería a nai destas crianzas, precisaron as e os veciños afectados.

Nove persoas foron trasladadas a centros sanitarios por inhalación de fumes e outros danos persoais, tres delas en estado grave, entre as que se atopa outro menor. Ao resto de persoas afectadas polo incendio atendéronas desde os servizos sociais e de emerxencias. Nestes momentos búscase para elas un realoxamento e recibirán atención durante o día.

Catro persoas están no Hospital Álvaro Cunqueiro: unha nena de 8 anos que está na UCI en estado grave —e que inicialmente fora atendida en Povisa—, un menor que está leve en Urxencias, un home de 52 anos en estado leve, e un bombeiro, de 43 anos, tamén en estado leve. Por outra parte, no hospital Povisa hai cinco persoas ingresadas na UCI, das que unha está en estado moi grave. Outras dúas persoas foron atendidas nese hospital e xa recibiron o alta.

En declaracións aos medios, a edil explicou que o 112 recibiu contra as 4 horas desta pasada madrugada o aviso dun incendio no acceso ao edificio, no que había perto de 30 persoas dentro. Cinco minutos despois, os bombeiros xa estaban alí tratando de sufocar o lume, que puideron controlar "dunha forma efectiva e o máis axiña posíbel".

Preguntada se o incendio podería ser intencionado, Rodríguez pediu "deixar traballar" aos investigadores. "É verdade que son situacións nas que naturalmente nos pomos moi nerviosos. Buscamos culpábeis, e é humano que os familiares e os amigos e a xente máis próxima estea inqueda e pense ese tipo de cuestións, pero o mellor é deixar traballar aos profesionais", subliñou.

A concelleira delegada de Seguridade confiou en que a media mañá haxa máis datos oficiais sobre as vítimas e a investigación, que nun primeiro momento, segundo avanzaron desde a Policía, podería encamiñarse cara a intencionalidade do fogo, segundo os primeiros indicios.

"A nosa consternación e a nosa dor polo falecemento hoxe de catro persoas, tres menores e unha adulta, no incendio no que resultaron feridas varias persoas. O noso máis sentido pésame ás familias", trasladou o alcalde, Abel Caballero, que anunciou que Vigo estará tres días de loito e que as bandeiras ondearán a media hasta en sinal de respecto polas vítimas.

O Concello de Vigo suspendeu o pleno extraordinario previsto para hoxe e todos os grupos municipais puxéronse ao dispor do Goberno local para colaborar no que sexa posíbel. "Absolutamente consternado por esta traxedia sen precedentes na cidade. Dor inmensa polos menores falecidos e preocupación polas persoas feridas. As vítimas e as súas familias merecen de todo o afecto e alento das viguesas e vigueses", sinalou a través das redes sociais o portavoz do BNG vigués, Xabier Pérez Igrexas.

E tamén o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, manifestou a súa intención de colaborar co Concello: "Desolado polo incendio rexistrado en Vigo. As miñas condolencias para as familias dos falecidos e os seus seres queridos. Acabo de falar co alcalde para transmitir a solidariedade e apoio da Xunta. Grazas aos equipos de emerxencias pola súa rápida reacción".