Ignacio Ramonet: "Había formas de atopar unha resposta diplomática"

O xornalista galego Ignacio Ramonet. (Foto: Editions Galilée)

O conflito desatado entre Rusia e Ucraína abre a porta a unha nova idade xeopolítica, para tratar esta cuestión, desde Nós Diario falamos con Ignacio Ramonet (Redondela, 1943), xornalista que reside en Francia e experto en relacións internacionais, así como director da publicación Le Monde diplomatique en español.

—Era evitábel a guerra?

Si, era moi evitábel. Rusia levaba anos e en particular nestes últimos meses insistindo en que o concepto de seguridade ten que ser un concepto completo, global, non pode ser un concepto unilateral, a seguridade dun país non é completa se non implica a seguridade dos seus veciños, ese é o razoamento de Rusia, pero se a seguridade dun país supón unha ameaza para algún dos seus veciños, evidentemente non hai seguridade.

Rusia levaba tempo reclamando que se lle tomara en serio, o que non deixa de preocuparnos e a vez sorprendernos é por que non se organizou unha conferencia ou unha cimeira como reclamaba Moscova, unha cimeira seria onde se considerase as preocupacións de Rusia e se lle dera unha resposta satisfactoria na medida en que esa resposta non supoñía unha ameaza para Europa Occidental ou para ningún membro da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

A segunda demanda que facía Rusia, baseándose nas promesas occidentais e en diferentes acordos tanto con [Mikhail] Gorbachov como con [Boris] Yeltsin, é que se lles garantira que Ucraína no sería membro da OTAN. Iso non ten nada de excepcional, Austria non é membro da OTAN e non o foi nunca, Suíza, Finlandia e Suecia tampouco o son; supoñíase simplemente que iso lle daba unha tranquilidade a Rusia, e Ucraína podía terse unido á Unión Europea (EU) sen ser forzosamente membro da OTAN, como acontece con Austria ou Finlandia.

Ese é o estatuto que se lle podía ter dado, había mil maneiras de atopar unha resposta diplomática, apresúrome a dicir que con isto non estou a xustificar a intervención militar de Rusia, que non ten xustificación. Un ataque, unha invasión desta dimensión é algo desproporcionado, unha cousa é que haxa tensións diplomáticas e que haxa vontade ou desexo de atopar unha solución, e outro é pasar a unha guerra total que pon ao mundo en perigo de guerra nuclear.

Se en vez de [Joe] Biden estivera [Donald] Trump, independentemente das boas relacións entre Trump e [Vladimir] Putin, mais cunha personaxe como Trump, irresponsábel e sobre todo imprevisíbel, quen nos di que non puidera ter habido -ou que non vai haber agora mesmo- unha escalada nuclear, que supón a destrución do mundo. Entón, cando menos, si había máis posibilidades de evitar esta guerra dando maior espazo á diplomacia.

—Con respecto á reacción da UE, agardaba que se armara Ucraína, ou tiña que actuar dun xeito diferente?

Agora creouse tal emoción -evidentemente é unha guerra en Europa, co que isto supón de lembranzas e constatacións históricas, sobre todo nesa rexión que sufriu tanto durante a 2ª Guerra Mundial e o stalinismo-, e unha guerra supón non só un conflito militar, esta guerra ten unha faceta militar e ten un teatro local, pero polo demais é unha guerra mundial.

En todo o demais é unha guerra híbrida mundial, unha guerra económica mundial, unha guerra financeira mundial, unha guerra mediática mundial, unha guerra dixital mundial, unha guerra monetaria mundial, entón, obviamente, no aspecto mediático créase unha coral tan uniforme que nesta emoción está a presión da opinión publica, a presión dos medios dominantes, que fan que os Gobernos cada día estean subindo máis esta adhesión ao que actualmente os medios chaman a resistencia ucraína, pódese entender, pero é obvio que con iso se avanza na escalada, porque se os países da OTAN comezan a dotar de armamento, primeiro defensivo, logo agresivo, chegara un momento no que as opinións públicas -xa comezan a dicilo aquí ou acolá- digan: Por que non enviamos tropas? Por que non defendemos máis a Ucraína? Para que nos serven as nosas armas da OTAN se non estamos defendendo a Ucraína, e con iso imos cara á escalada, e a escalada é chegar rapidamente a un conflito nuclear, que non lle pode interesar a ninguén.

Se por unha parte a decisión de Putin foi desmesurada, a reacción da UE e da OTAN non pode ser desmesurada, porque neses casos chegamos ao exterminio da humanidade, que é a guerra nuclear, e estamos a dous pasos.

—Están os medios de comunicación acelerando a súa conversión en parte do taboleiro de xogo bélico?

Os medios son unha ferramenta da guerra, e nesa guerra a guerra mediática ten unha dimensión moi importante, porque é a que ten como misión formar, ocupar as mentes e crear as emocións, como dicían os americanos durante a guerra de Vietnam, hai que tocar as mentes e os corazóns, e nesa deriva extremista e excesiva -na medida en que agora globalmente se fixo unha especie de unión sagrada para defender Ucraína-, esta unión sagrada leva agora a excesos evidentemente inaceptábeis como limitar a liberdade de expresión.

Estamos nun debate, non se lle deu suficiente atención á reivindicación de Moscova, e agora, de súpeto, córtaselles a palabra a medios de expresión que poderían darnos o punto de vista de Rusia, e é ir máis aló que os propios ucraínos, que oficialmente están nunha mesa de negociación en plena guerra cos rusos, están intercambiando cos rusos, en cambio, mediaticamente censúrase toda expresión que poida defender ou dar un punto de vista diferente baixo pretexto de que aos rusos nin auga.

—Sostén que chegou unha nova idade xeopolítica mundial, é moi cedo para caracterizala?

Non, estamos nunha nova idade xeopolítica, non cabe dúbida, que significa iso? Pasamos a unha etapa nova na que, como nunha nova guerra fría, identificouse un inimigo da humanidade, que é Rusia, e o que estamos a ver é que isto se vai transferir á China (ofensiva que xa lanzara Trump, após [Barack] Obama desprazar o centro de atención xeopolítica mundial cara a Asia do Leste), xa que a diplomacia occidental está falando de eixo Moscova-Beijing.

Isto ímolo ver con maior ímpeto nas vindeiras semanas, o que estamos a ver é que o mundo vaise dividir en dous de novo, en torno a unha separación entre quen está co mundo civilizado, entre aspas, e quen está coa barbarie rusa e o seu aliado chino, que é un inimigo potencial para a humanidade que se está estendendo no mar da China Meridional, e haberá que detelo, e a próxima crise pode ser Taiwán; entón, efectivamente, imos pasar dun mundo que se dicía globalizado con todas as súas problemáticas a un mundo fracturado en dous, por unha parte Rusia, China e os seus aliados, que terán que ter moito coidado, porque é posíbel que calquera Estado que se declare aliado de Moscova ou Beijing sexa nos próximos meses sancionado igual que o está sendo Rusia, e váiselle considerar como un paria da humanidade, como dixo Biden, esta é a nova xeopolítica. Alá onde se decida que se pode estabelecer un contacto con Rusia, ese contacto vai estar a partir de agora considerado como inaceptábel.