Seguen as restricións contra Sputnik e Russia Today, agora tamén fóra de Telegram

O Goberno do Brasil tamén se suma ao veto aos medios de comunicación rusos.
Russia Today xa non pode utilizar en Europa as principais canles e plataformas de difusión (Foto: RT).
photo_camera Russia Today xa non pode utilizar en Europa as principais canles e plataformas de difusión (Foto: RT).

O pasado domingo a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou as restricións impostas ao xornal Russia Today (RT) e a axencia Sputnik, considerados pola Unión Europea (UE) "a máquina mediática do Kremlin" que "difunden mentiras para xustificar a guerra de Putin".

"Estamos a desenvolver ferramentas para prohibir a súa desinformación tóxica e daniña para Europa", apuntara a xefa do Executivo comunitario.

Desde entón, estes dous medios foron desaparecendo progresivamente de diferentes plataformas: primeiro, Facebook vetou os seus perfís na súa rede social; logo, Google eliminou as canles de YouTube, e posteriormente Twitter sumouse ao mandato europeo.

Tamén as operadoras de telecomunicacións, como a compañía galega R, cesaron as súas retransmisións.

Agora Telegram, unha das poucas canles que seguían a admitir as informacións de RT e Sputnik, bloqueou esta sexta feira a conta de RT en Europa por "violar as leis locais", en alusión á orde que deu a UE.

A axencia, porén, segue operativa polo de agora nesta rede social, malia que tamén foi censurada nas principais plataformas e redes sociais do Brasil, do mesmo modo que RT.

Porén, si seguirá a retransmitir RT —polo de agora— a plataforma Odysee, que expresou esta terza feira a través de Twitter: "Non nos importa a política e sermos unha plataforma significa que temos que ser unha plataforma".

Comentarios