Os hoteis galegos, en cifras históricas de pernoctacións e visitantes no mes de maio

Hotel Hesperia A Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
En relación a maio do ano pasado, 2021, os datos do INE mostran que se triplicaron tanto as pernoctacións como os visitantes.

Os hoteis galegos rexistraron no mes de maio 766.477 pernoctacións e 442.557 viaxeiros, o que supón os mellores datos na serie histórica, que chega até 1999, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Estas cifras superan o que até o de agora era o mellor maio dos hoteis galegos. Foi en 2019, o último ano antes de que comezara a pandemia. Nese maio houbo 765.901 pernoctacións e 425.307 viaxeiros.

En relación a maio do ano pasado, 2021, os datos do INE mostran que se triplicaron tanto as pernoctacións como os visitantes.

No conxunto do Estado español, as pernoctacións en estabelecementos hostaleiros superaron as 29,8 millóns, o que supón multiplicar por catro o dato de hai un ano, cando houbo 7,3 millóns.

Baixa ocupación hoteleira

A Galiza foi a sétima autonomía preferida polos residentes no Estado español, con 5,1% do total, nunha clasificación que encabeza Andalucía (21,7%).

Pola súa parte, o grao de ocupación nos hoteis galegos é dos máis baixos no Estado español, con só 39,9%. Son 15 puntos menos que a media de 54,9%. En Canarias alcanzouse 62,1%.

Así mesmo, os prezos hoteleiros incrementáronse 17,3% en maio no noso país, menos que a media de avance de 22,1% que se produce no Estado español.

A tarifa media diaria dos hoteis na Galiza é de 63,98 euros, das máis baixas a nivel estatal, lonxe dos 95 euros de media. Os ingresos por habitación dispoñíbel son de 29,5 euros, tamén á cola, aínda que se duplican no último ano.