As pernoctacións turísticas triplícanse a respecto de 2020, mais caen 88% en comparanza con 2019

Segundo os últimos datos do INE, na Galiza houbo en novembro de 2021 perto de 470.000 pernoctacións.
A ocupación hoteleira mellorou en abril (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera O turismo favorece a mellora da economía galega (Foto: Xoán Roberes).

O Instituto Nacional de Estatística (INE) actualizou na mañá desta segunda feira a súa enquisa de ocupación en aloxamentos turísticos cos datos provisionais de novembro de 2021.

Segundo este indicador, na Galiza houbo no penúltimo mes do pasado ano 468.232 pernoctacións, das cales a meirande parte, 433.814, foron en estabelecementos hoteleiros; 2.726, en cámpings; 17.730, en apartamentos turísticos, e 13.962, en aloxamentos de turismo rural.

Esta cifra supón unha repunta de 293% en comparanza con novembro de 2020, malia que continúa por baixo dos niveles prepandémicos: son 88% menos que no mesmo período de 2019.

Con todo, as pernoctacións do pasado novembro son inferiores ás de 2019, 2018 e 2017, mais superiores ao resto da serie histórica.

Facendo a comparativa intermensual, no período estudado reducíronse en 56% as pernoctacións turísticas no país, xa que en outubro de 2021 superaran as 831.000.

No conxunto do Estado, as pernoctacións, perto de 19 millóns, minguan 78% en comparanza con 2019.

Por outra parte, no que atinxe ás persoas viaxeiras, o pasado novembro foron 230.586 na Galiza, fronte ás 53.263 do ano en que irrumpiu a pandemia e as 241.546 de 2019.

Comentarios