A crise deixa sen ocupar máis de 7.000 baixos comerciais ao longo do país

Os traspasos de locais en hostalaría e comercio aumentaron 35%.
A restauración, o téxtil e as actividades de alimentación concentran a maioría das operacións de locais comerciais. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera A restauración, o téxtil e as actividades de alimentación concentran a maioría das operacións de locais comerciais. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Rúas de cidades e vilas galegas repiten acotío unha mesma imaxe: escaparates de estabelecementos comerciais fechados. A crise derivada da pandemia da Covid, sumada á elevada inflación, en cifras nunca antes vistas, está a provocar unha importante detracción do consumo que golpea especialmente a sectores como o comercio e a hostalaría.

Isto tradúcese na práctica no feche de centos de locais comerciais, unha tendencia que xa vén de lonxe, pois agudizouse no comezo da década pasada co feche de sucursais bancarias polos diferentes procesos de concentración levados a cabo no sector.

Hoxe hai na Galiza máis de 7.000 baixos baleiros, segundo revela un informe elaborado pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que tamén inclúe o factor demográfico, pois sinala que algúns destes locais, após a xubilación das súas antigas persoas arrendatarias, non se volven alugar.

Outro aspecto sobre o que chama a atención Fegein é que o dinamismo si entende de xeografía. Así, nas cidades galegas estabilízanse ou crecen levemente as novas aperturas, mentres que son os municipios de interior e máis pequenos os que levan a peor parte.

"A actual situación económica e sanitaria, sumado a un auxe sen precedentes do circuíto de comercialización en liña, agravará os feches no comercio e hostalaría-restauración nos próximos meses con especial incidencia nos municipios de interior e máis pequenos", alerta o presidente de Fegein, Benito Iglesias.

Dúas realidades

Ourense (+8,3%), Vigo (-2,2%) e A Coruña (+5,8%) son as cidades galegas con máis locais baleiros na actualidade, con 1.300, 1.075 e 900 inmóbeis, respectivamente. Este exceso de oferta explica en parte que os prezos dos alugueres baixasen levemente en todas as áreas metropolitanas galegas, sendo Vigo e A Coruña as que menores baixadas rexistran.

De feito, a federación fala dunha Galiza "de dúas velocidades", cunhas áreas que avanzan e aglutinan 80% da oferta e demanda, e outros case 300 municipios onde a demanda queda reducida ao núcleo máis céntrico e só representa 20% do total.

Principais ocupantes

En xeral, a restauración, o téxtil e as actividades de alimentación son os sectores que concentran a maioría das operacións de locais comerciais, sendo as rúas céntricas as máis demandadas.

Nos últimos meses, a hostalaría, con moitos negocios arrastrando aínda as consecuencias dos feches e restricións pola pandemia, protagoniza moitas destas operacións. Tanto é así que no primeiro trimestre do ano aumentaron 35% os traspasos nos sectores de hostalería, restauración e comercio, como tamén se incrementaron "considerabelmente" os conflitos nos pagamentos do aluguer entre  arrendadores e arrendatarios, apuntan desde Fegein.

Con todo, para as persoas propietarias, manter un local comercial fechado representa uns gastos medios anuais de 3.000 euros. Por iso, desde a patronal inmobiliaria aconsellan polos en aluguer ou á venda a prezo de mercado, para que poidan sacar rédito por eles e que non estea sen actividade.

A Xunta aposta en facilitar a conversión de locais en vivendas

A pesar de que a Galiza ten, como lembran desde Fegein, a maior porcentaxe de vivendas baleiras de todo o Estado español, a Xunta anunciou a súa intención de modificar as normas de habitabilidade para facilitar a conversión de baixos baleiros en vivendas. Para iso, segundo explicou a conselleira Ángeles Vázquez en sede parlamentaria, este cambio na norma pretende salvar certas cuestións que "non facían posíbel" que os baixos se convertesen en vivendas.

Nese sentido, puxo como exemplo "a protección de vistas" e o espazo que hai que deixar para poder considerar vivenda. Con todo, Vázquez sinalou que esta modificación non se pode realizar "de maneira indiscriminada". Por iso tenderán a man aos concellos para que sexan estes os que indiquen as zonas exentas desas proteccións.

Comentarios