En decembro de 2012, nunha reportaxe asinada por Beti Vázquez sobre o aborto, o Sermos Galiza nº 27 facíase eco da historia de M.P, un caso máis que pon de manifesto a suposta falta de información que se dispensa no Hospital da Costa. Segundo lle narrou esta muller a Sermos Galiza, “estaba embarazada e fun facer a proba prenatal que me tocaba na semana doce. Dixéronme que vían algo raro na ecografía, que non sabían o que era, e que volvese dúas semanas despois. Volvín. Seguían sen me dicir o que era. Preocupeime e fun a unha clínica privada na procura dunha segunda opinión".
No centro privado ao que acudiu M.P., xa na primeira consulta lle advertiron dunha malformación grave. Todos os xinecólogos e xinecólogas que a atenderon coincidiron non só en que a malformación do feto revestía de importancia, senón tamén en que era perfectamente visíbel na primeira ecografía, realizada na semana 12 no hospital público.
O de Burela "é un hospital onde todos os médicos son obxectores, polo que non advirten de que tes ese dereito [ao aborto]"
Segundo as declaracións da afectada, “até o médico de cabeceira viu a ecografía e soubo o que era”. M.P. advertía xa de que o de Burela “é un hospital onde todos os médicos son obxectores, polo que non advirten de que tes ese dereito [ao aborto]”. Esta muller, declarou no seu día que estaba convencida de que as probas que se lle pediran tiñan por obxecto deixar pasar as 22 semanas en que o aborto sería legal segundo a normativa vixente.
Logo de verse obrigada a procurar información na privada, M.L. decidiu abortar. Cobráronlle 715 euros.
Aínda que en declaracións a Sermos Galiza en decembro de 2012, M.L. advertía de que aínda estaba a tempo de denunciar pola vía penal o centro hospitalario por non lle facilitar a información á que tiña dereito, finalmente non denunciou. Porén, o seu caso serviu para que outras afectadas acudiran aos tribunais. Casos coma este axudaron a botar luz sobre as prácticas do Sergas en relación aos abortos e mesmo a que Sanidade for condenada a unha indemnización de 270.000 euros.
As sombras seguen a recaer sobre o Hospital da Costa de Burela. Como daba a coñecer Sermos Galiza, e segundo Francisca Fernández Guillén, a avogada da muller que foi derivada a Madrid e perdeu o útero como consecuencia da demora da autorización para abortar, este centro hospitalario público ocultoulle a unha muller brasileira información sobre as graves malformacións que sufría o seu feto até o punto de que tivo o seu fillo e de que se viu nunhas dificultades gravísimas para o sacar adiante. A avogada tamén lle relatou a Sermos Galiza o caso dunha muller alxeriana á que se lle fixo asinar que entregaba o seu fillo en adopción con documentos en español cando só sabía francés.