Horacio García, experto en restauración e xeomorfoloxía fluvial: "A auga é un recurso esencial, finito e moi sensíbel"

O río Miño ao seu paso por Escairón (O Saviñao, Terra de Lemos), o pasado 9 de agosto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Co mes de setembro volveron as chuvias á Galiza, mais non empaparon por igual todo o territorio. Lonxe de mudar a situación de seca declarada xa antes da primavera, estas precipitacións contribúen a devolverlle ao solo unha humidade esquecida.

"É importante que chova", afirma o profesor de Xeografía da USC Horacio García a Nós Diario, "mais tamén interesa ver a intensidade coa que o fai, especialmente despois da vaga de incendios deste verán".

As precipitacións destes días, di, non van marcar unha gran diferenza máis aló do seu impacto puntual sobre o terreo. "Nunha contorna forestal e boscosa a chuvia vai penetrar máis lentamente e servirá para recargar antes os acuíferos e levar humidade a tódolos estratos do solo; nun terreo espido, como pode ser o arrasado polos incendios, esa penetración non vai ser igual, arrastrará gran cantidade de sedimento e cinza e producirá unha maior erosión do solo".

Hai que desterrar esa idea da Galiza sempre húmida e verde

Polo tanto, aclara García, estas primeiras chuvias após semanas de escaseza "veñen ben mais non son a solución final ao problema", que seguirá instalado nos meses de estío. "Hai que desterrar esa idea da Galiza sempre húmida e verde. É certo que no seu conxunto, e máis dentro do marco ibérico, a Galiza é un territorio verde e húmido, pero con moita diversidade interna no volume de precipitación e verdor. Unha boa parte da Galiza é verde e húmida pero hai outra que, especialmente no verán, é seca e amarela".

Veráns secos

O profesor da USC explica que os veráns galegos adoitan ser máis secos que os de moitos puntos da cornixa cantábrica, polo que non é "excepcional" que na Galiza se dean problemas de escaseza de auga asociados á seca. O tipo de solo e a súa capacidade para reter humidade varía co territorio, de maneira que baixo un mesmo período de seca non son de estrañar diferentes situacións de abastecemento de auga. Inflúen as características xeográficas mais tamén a densidade de poboación, os usos do solo e o tipo de actividade predominante en cada zona.

"Non é o mesmo o que acontece na Terra Cha, na Mariña ou que na contorna de Vigo. Cada sitio afronta un período de seca de forma diferente. A mesma ausencia de precipitación por metro cadrado maniféstase de forma distinta". E cita o caso de Vigo e a súa área de influencia. "Integran un sector sen grandes ríos e densamente poboado con fortes demandas de auga, ingredientes perfectos para entrar en escaseza de auga".

Urxe pór énfase en campañas educativas que promovan a auga como un recurso esencial para a vida

O experto en restauración e xeomorfoloxía fluvial remarca a diferenza entre seca e escaseza de auga. A primeira, sinala, é un concepto climático que alude a unha redución ou ausencia notábel e prolongada das chuvias nunha rexión en relación ás condicións medias. "Está moi relacionado co concepto de estiaxe, que é de tipo hidrolóxico e refírese a un descenso acusado do caudal dun río respecto do normal". Polo xeral, van da man e adoitan darse no verán.

Pola súa parte, a escaseza de auga refírese a unha insuficiencia dos recursos hídricos para satisfacer as necesidades básicas de auga a medio e longo prazo. "Esta carencia pode estar causada por máis factores que unha seca. Pode ser resultado dunha mala xestión do recurso, por exemplo", engade.

Equilibrio ecolóxico

Neste sentido, Horacio García é partidario de "repensar" o aproveitamento dos recursos hídricos. "O imaxinario colectivo desa Galiza dos mil ríos, sempre verde e na que sempre chove conduciunos, creo eu, a valorar moi pouco a auga como ben vital, de primeira necesidade. Vivir nesa burbulla de abundancia supón un shock cando, de súpeto, chegan restricións" que aínda vemos como esporádicas e temporais. Mais a realidade apunta noutra dirección, indica García. A demanda -crecente- de auga derivada de bens e servizos aproxímase cada vez máis á oferta. "Un caso claro podémolo ver nunha cidade turística como Compostela. As captacións e traídas de auga están feitas para unha poboación residente que durante varios meses sobrepasa os seus límites. Estase a tirar do recurso hídrico por riba da capacidade ecolóxica real, achegando o río a unha seca hidrolóxica".

Do total da auga da Terra, algo menos de 3% é auga doce

Unha parte do consumo da auga da cidade procede do Tambre, mais "devólvese ao Sar", destaca o profesor da USC. "Estase a facer unha transferencia de auga dunha cunca a outra, o que desde un punto de vista ecolóxico fai que un río teña máis caudal do que lle corresponde e outro menos".

Cambio de paradigma

García chama á reflexión sobre a forma que temos de relacionarnos e consumir as sociedades neste mundo globalizado e insiste en que hai unha capacidade de carga hídrica para cada territorio á que cómpre adaptarse. "Isto supón un cambio de paradigma no modo de relacionamos coa natureza e urxe pór énfase en campañas educativas que promovan a auga como un recurso esencial para a vida, escaso, finito e moi sensíbel". 

Esta sensibilidade, di, vese moi ben reflectida nos ríos. "Do total da auga da Terra, algo menos de 3% é auga doce, que nun 80% está na superficie, 99% en forma de xeo. Entón, que nos queda? Nada máis que a auga dos lagos e da atmosfera, e a dos ríos, por suposto, que ven a representar entre un 0,003 e un 0,006% da porcentaxe de auga superficial en circulación".

De nada serve a mellor rede de distribución de auga do mundo se seguimos a facer un uso desmedido da billa, apostila. A educación cidadá é a medida máis intelixente, e debe ser a primeira, tamén para desterrar ideas como a necesidade de transvases de auga entre cuncas hidrográficas. "Son un grave erro que no canto de solucionar o problema, agrávano, porque é dotar de forma ficticia un territorio dunhas capacidades superiores ás que ten, favorecendo un desenvolvemento que non corresponde coa súa realidade", conclúe.