"Cantidades devastadoras" de crianzas, en risco de morte no Corno de África e o Sahel por mor da seca

"A historia mostra que cando se combinan os altos niveis de desnutrición aguda severa nos nenos con gromos mortais de enfermidades como o cólera ou a diarrea, a mortalidade infantil aumenta de forma espectacular e tráxica", indica Unicef.
(Foto: Auara) #seca #auga #africa
photo_camera Etiopía, Kenia e Somalia son dos países máis afectados. (Foto: Auara)

Unicef vén de alertar de que as crianzas no Corno de África e o Sahel poderían morrer en "cantidades devastadoras" debido á seca que axexa o continente e que conflúe co risco de padecer desnutrición severa e enfermidades. "A historia mostra que cando se combinan os altos niveis de desnutrición aguda severa nos nenos con gromos mortais de enfermidades como o cólera ou a diarrea, a mortalidade infantil aumenta de forma espectacular e tráxica. Cando a auga non está dispoñíbel ou non é segura, os riscos para os nenos multiplícanse exponencialmente", afirmou a directora executiva da entidade, Catherine Russell.

Segundo indicou Unicef nun comunicado no marco da Semana Mundial da Auga, o número de persoas afectadas pola seca en Etiopía, Kenia e Somalia sen acceso seguro a auga potábel aumentou de 9,5 millóns a 16,2 millóns en cinco meses, mentres que os nenos e nenas no Sahel tamén enfrontan niveis extremadamente altos de vulnerabilidade hídrica.

En Burkina Faso, Chad, Malí, Níxer e Nixeria, a seca, o conflito e a inseguridade están a xerar inseguridade hídrica, con 40 millóns de crianzas enfrontando niveis altos ou extremadamente altos de vulnerabilidade hídrica. Aliás, segundo os últimos datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), xa morren máis nenos como resultado da auga e o saneamento inseguros no Sahel que en calquera outra parte do mundo.

Unicef explica que a meirande parte das persoas no Corno de África dependen da auga que lles entregan os vendedores en camións ou carros tirados por burros, pero nas zonas máis afectadas pola seca, a auga xa non é alcanzábel para moitas familias. En Kenia, até 23 distritos experimentaron repuntas dos prezos significativas en comparanza con xaneiro de 2021; o maior foi o de Mandera, en 400%, seguido de Garissa, con 260%.

En Etiopía, o custo da auga en xuño deste ano duplicouse en Oromia e medrou 50% en Somalí a respecto do inicio da seca en outubro de 2021. En Somalia, os prezos medios da auga subiron 85% en Mudug do Sur e 55 e 75%, respectivamente, en Buurhakaba e Ceel Berde, en comparación cos prezos de xaneiro de 2022. Entre xuño de 2021 e xuño de 2022, Unicef e os seus aliados trataron máis de 1,2 millóns de casos de diarrea en rapazas e rapaces menores de cinco anos nas rexións de Etiopía máis afectadas pola seca.

Por todo iso, a organización fixo un chamamento aos gobernos, persoas doantes e comunidade internacional para que aumenten o financiamento para satisfacer as necesidades máis agudas dos nenos e brinden apoio flexíbel a longo prazo para rachar o ciclo da crise.

Semana Mundial

A Semana Mundial da auga é a principal conferencia sobre cuestións mundiais da auga, que se celebra todos os anos desde 1991. Este evento sen fins de lucro créase conxuntamente con organizacións líderes e atrae a unha mestura diversa de participantes de diferentes contornas profesionais e de todos os recunchos do mundo.

Na conferencia propóñense e desenvolven solucións para os maiores desafíos do mundo relacionados coa auga, con temas que van desde a seguridade alimentaria e a saúde ata a agricultura, a tecnoloxía, a biodiversidade e a crise climática.

Comentarios