Análise

Falta auga

O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Se cadra pola súa abundancia, decidimos ignorar o valor estratéxico da auga. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Se cadra pola súa abundancia, decidimos ignorar o valor estratéxico da auga. (Ilustración: Álex Rozados)

Hai unhas semanas faláronme do gran proxecto de desalinización da empresa británica-chilena Antofagasta Minerals dedicada á extracción e distribución de cobre. O proceso de produción de cobre require o uso de auga en cantidades importantes, a cal se obtén de fontes superficiais e subterráneas, ademais da recirculación do propio proceso. A principal presa propiedade de Antofagasta contiña un volume de auga de 10,6 millóns de metros cúbicos a mediados de 2016. Cinco anos despois, ese volume era de 1,2 millóns, unha redución que podería comprometer a continuidade do proxecto mineiro. Chile é, con diferenza, o maior país produtor de cobre do mundo. Sen cobre, por exemplo, o transporte no planeta deixaría de funcionar.

Vaia o caso anterior como exemplo do impacto que a falta de auga pode ocasionar en pouco tempo. É sabido a grave escaseza que se padece en moitas partes do mundo debido ao cambio climático, xunto coa mala xestión da auga e o consumo excesivo. Ademais da ameaza obvia para a saúde pública e o abastecemento alimentario, a escaseza de auga pode provocar perdas de biodiversidade, o parón da economía e o aumento dos conflitos sociais e territoriais.

Quizais haxa quen vexa a falta de auga coma un problema alleo, propio dos países áridos por natureza, aqueles de elevadas temperaturas e escasas precipitacións históricas. Con todo, garantir o volume diario de auga que se precisa para usos persoais, agrarios, enerxéticos e industriais resulta esencial para a sustentabilidade do noso sistema de convivencia económica e social.

A auga embalsada reduciu notablemente o seu volume respecto a exercicios pasados

A alerta sobre a situación da auga no mundo púxose claramente de manifesto cando os financeiros decidiron transformar este recurso básico nun activo de negociación –water rights– co cal fondos de investimento e sociedades de trading operan xa cos dereitos de uso da auga en mercados regulados de Estados Unidos, Chile, Sudáfrica ou Australia, por exemplo.

Que a escaseza de auga non pode considerarse un problema alleo queda demostrado pola evolución dos datos que achega a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET): en 2019, choveu en España un 3% por debaixo da media histórica; en 2020, choveu un 5% menos cá referencia; en 2021, a caída das precipitacións respecto daquela media foi do 11%; e no último dato publicado do ano hidrolóxico (entre o 1/10/21 e o 24/5/22), a redución da auga caída en España foi xa do 22%.

Como consecuencia dos números anteriores, a auga embalsada reduciu notablemente o seu volume respecto a exercicios pasados. Así, a 24/5/2022 e segundo o sitio web embalses.net, os encoros galegos estaban a un 57% da súa capacidade, lonxe do 73% da cifra de 2021 a esa mesma data e do 81% da media dos últimos dez anos. Hai exemplos ben preocupantes: o encoro Belesar, na provincia de Lugo, está ao 48% da súa capacidade; o das Portas, en Ourense, a un 23%. 

O país dos mil ríos

Houbo un tempo en que os habitantes do territorio que hoxe ocupa Galicia representaban máis do 20% da poboación de toda a Península Ibérica. A razón desta concentración semella obvia: auga en abundancia. Galicia é con diferenza, a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa, 1.629 en concreto, o cal garantía daquela a provisión de peixes e mariscos para alimentación humana. Por outra banda, polo país discorrían múltiples correntes de auga doce, o líquido da vida. E ademais, chovía con exuberancia o que aseguraba a fertilidade da terra sen necesidade de sistemas artificiais de rega.

Se cadra precisamente pola súa abundancia, decidimos ignorar o valor estratéxico da auga. Esquilmamos os ríos que inzamos de diques para facilitar a explotación enerxética por riba do recomendable segundo a Unión Europea; promovemos a plantación masiva dunha especie arbórea de usos industriais que consume o caudal dos acuíferos como ningunha outra; permitimos a instalación masiva de parques eólicos e a distribución da enerxía a través de grandes canles de evacuación subterráneas; utilizamos fertilizantes e outros compostos que tenden a contaminar os acuíferos.

Un goberno con visión de futuro implantaría unha política de protección da auga, erradicando o eucalipto e promovendo a plantación de especies autóctonas

No canto de protexer ese recurso vital do que dispoñemos, facemos todo o posible por reducir a súa dispoñibilidade nunha estratexia probablemente inconsciente que máis tarde ou máis cedo terminaremos pagando.

Un goberno con visión de futuro implantaría unha política de protección da auga. Primeiro, erradicando o eucalipto e promovendo no seu lugar a plantación de especies autóctonas, con preferencia daquelas que producen froitos para o consumo humano; recuperando o agro (a falta que fan cereais, hortalizas e oleaxinosas!) mediante usos rexenerativos do solo; rectificando a política de produción intensiva de enerxía a prol de proxectos de distribución próxima; e impulsando prácticas de uso eficiente da auga nos eidos doméstico, agrario e industrial.

Un último dato: no Atlas Galego da Empresa Comprometida púxose de manifesto que a Certificación da Pegada Hídrica era a acreditación menos presente nas empresas galegas entre as moitas contempladas. Coido que deberiamos empezar a tomar en serio o asunto da falta de auga.

Comentarios