Os grandes gromos marcan as residencias na nova normalidade

Residencia do Inicio (Imaxe: Alberto López / Europa Press)
Ao longo desta semana, o Servizo Galego de Saúde notificou vinte mortes relacionadas con gromos en residencias da terceira idade. A oposición redobrou as críticas á xestión do Partido Popular á fronte da Xunta, sinalando que se detectan focos cando os contaxios atinxen a unha gran parte dos usuarios e usuarias e mais o cadro de persoal e que as medidas implantadas por Sanidade amosaron ser "insuficientes". 

Os falecementos relacionados con gromos da Covid-19 e notificados esta semana poñen de novo o foco sobre a rede residencial. Na segunda feira, a xornada con máis mortes en cinco meses, Sanidade informou do pasamento de sete usuarios e usuarias dos centros de Os Gozos, en Pereiro de Aguiar e baixo control da Xunta, e de Val de Monterrei.

Desde que Galiza entrou na denominada 'nova normalidade' faleceron 79 de residentes contaxiados da Covid-19, 20 deles entre a segunda feira e a sexta feira. A evolución dos gromos nestes centros redobraron as críticas da oposición ao Executivo galego liderado por Alberto Núñez Feixoo, sinalando que as medidas da Xunta chegan "tarde" e son "insuficientes".

Se ben a segunda ola da pandemia está a golpear con menos forza os xeriátricos que a primeira, a rápida evolución dalgúns focos obrigou a Xunta a intervir catro centros desde agosto e a endurecer os seus protocolos. Entre outras medidas, anunciou a intensificación das inspeccións laborais, o estabelecemento de grupos fechados de usuarios ou os cribados aleatorios nos centros.

Con elas dáse resposta a algunhas dos potenciais riscos sinalados pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría en abril, como a falta de detección precoz do virus nun persoal que traballa de maneira estreita cunha poboación fráxil. Mais óbviase outra das principais recomendacións, a derivación dos anciáns contaxiados da Covid-19 ao sistema hospitalario. "A atención á enfermidade COVID-19 é unha competencia clara do Sistema de Saúde", advertiu a entidade hai máis de medio ano. 

Segunda vaga

Os dous primeiros grandes gromos en residencias desde a fin do confinamento, o do Incio e o de DomusVi Lugo, tiveron lugar na área sanitaria de Lugo. No transcurso de ambos, cargos do Executivo galego e do Partido Popular como propio Núñez Feixoo ou portavoz parlamentar Pedro Puy defenderon que as residencias están mellor preparadas, mais admitiron preocupación polos centros nos que se concentra o virus.

Foi o 20 de agosto cando a Xunta informou do primeiro dos focos, o do Inicio, detectado dous días despois de que a Administración galega aceptase mudar o protocolo das residencias e realizar unha proba de coronavirus ao persoal que se incorporase a estes centros.

Os contaxios escalaron rapidamente aos 59 usuarios e 9 profesionais e a Xunta anunciou a intervención para garantir "a calidade asistencia" e mais a "seguridade". O 26 de agosto rexistrouse unha alza nos positivos superando o centenar, cun de cada tres anciáns contaxiados.

A Fundación San Rosendo argumentou que se contratara persoal de reforzo e fontes da residencia puntualizaron que os maiores confinados non estaban "graves" e que no centro se seguiron os protocolos. O gromo ocasionou a morte de máis dunha vintena de persoas.

Os primeiros positivos de coronavirus en DomusVi Lugo foron notificados dous días despois, o 28 de agosto, e o 6 de setembro informábase do primeiro falecemento dun residente do centro Na xornada do 8 a rápida evolución do gromo con 94 usuarios e cinco profesionais afectados obrigou a Xunta a intervir. 

Retrasos nas probas

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, manifestou daquela as críticas que esta semana repetiu a oposición acusando á Xunta de estar "actuando tarde". "Debe exercer un control máis exhaustivo do que está a acontecer", manifestou, lembrando que no confinamento se trasladaron positivos a centros medicalizados como o de Compostela. "Semella que agora non está pasando".

Case dúas semanas despois, a detección de 106 casos positivos na residencia de Os Gozos, no concello de Pereiro de Aguiar, desembocou na cuarta intervención da Xunta. O total de contaxios ascendía a 112 entre residentes e 25 no cadro de persoal e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que se analizaría o caso para "ver que fallou". Outro foco no xeriátrico Val de Monterrei afectaba a 46 usuarias e usuarios.

O persoal de Os Gozos denunciou "atrasos de até cinco días" para coñecer os resultados das PCR levadas a cabo por Sanidade. Unha demora pola que a oposición preguntou ao Executivo galego, cuestionadno que as deteccións dos gromos máis graves cheguen cando xa afectan á práctica totalidade dos residentes e os profesionais. 

Críticas as ratios

Detrás das críticas as actuacións da Xunta ante os gromos permanece o debate sobre o actual modelo residencial. Desde as asociacións de familiares de residentes e usuarios dos centros vense criticando a falta de profesionais, tamén de persoal especializado, e as malas condicións laborais. Nomeadamente, nos centros privados e concertados. 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]