Sociedade de Xerontoloxía avisa da "responsabilidade penal" de manter casos de coronavirus nas residencias

Imaxe da residencia DomusVi de San Lázaro (Arxina).
O presidente da  Sociedade  Galega de  Xerontoloxía e  Xeriatría ( SGXX), Miguel Ángel Vázquez, advirte as Autoridades sanitarias que a "desatención sanitaria" de manter nas residencias persoas maiores que contraeron a COVID-19 "pode ter responsabilidades penais, e insta as familias de persoas usuarias dos xeriátricos a denunciar os responsábeis sanitarios, aínda que admite que "aínda non é o momento" de xudicializar a situación.

Na Galiza, os datos oficiais de contaxios de coronavirus reportan máis de 1.100 casos en residencias, contando con usuarias e persoal, e case 90 falecementos. Ademais, até o momento a Xunta habilitou residencias integradas,( Porta do Camiño de Compostela, a da Fundación San Rosendo en Baños de Molgas) e interveu tres privadas: as de DomusVi en Cangas e Vigo e Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras.

Con todo, hai xeriátricos que manteñen illadas nas súas instalacións decenas de persoas que se infectaron dun virus que, segundo explica o presidente da  SGXX, "é unha enfermidade infecto-contaxiosa" diante da cal as maiores están nunha posición "de especial vulnerabilidade".

"Como todas as enfermidades, a competencia da xestión clínica, o diagnóstico e o tratamento é do sistema de saúde", afirma Vázquez, quen recalca que manter un ancián contaxiado nestas residencias "é un disparate”. “Vaise estudar nos libros de  epidemioloxía como a maior barbaridade do século XXI", opina, nunha entrevista concedida a Europa Press.

Segundo considera, as residencias "son centros do ámbito social que non teñen recursos sanitarios" e "ningunha" en toda España ten profesionais médicos "de presenza 24 horas". De feito, explica que "nas máis pequenas, por lei, non teñen que ter nin persoal médico nin de enfermaría", polo que entende que neste tipo de centros “non se pode illar"  porque "non teñen nin estrutura nin infraestrutura".

Para o presidente da  Sociedade Galega de Xerontoloxía e  Xeriatría, a actuación ante a pandemia debe pasar, en primeiro lugar, por un diagnóstico precoz nas residencias, con probas a todas as persoas residentes e, en caso de terse positivos, evacuación desa usuaria “á maior urxencia” para ser tratada por persoal sanitario. O que ocorre ao manter a un enfermo nas propias instalacións, sostén Miguel Ángel Vázquez, é "un atentado contra a saúde" porque o modelo español de xeriátricos "é máis hostaleiro que sanitario", con profesionais do ámbito social que "non son capaces de manexar este tipo de enfermidades".

Tamén pon o foco o especialista no colectivo traballador para censurar que "se obriga" o persoal para tratar con persoas maiores infectadas, nalgúns casos "sen máscara nin luvas", polo que "a súa vida periga".