Dous grandes surtos en residencias: 106 novos contaxios en Pereiro de Aguiar e 46 en Monterrei

(Foto. Europa Press)

Galiza rexistra unha nova falecida nunha residencia e detecta outros 289 positivos

Xa son 413 as persoas usuarias de residencias na Galiza afectadas pola Covid, unha cifra que rexistra un importante aumento a respecto das 266 desta cuarta feira. Un incremento derivado principalmente de dous novos surtos: 106 usuarios da residencia de maiores Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) e 46 usuarios da residencia de maiores Val de Monterrei.

Os dous grandes gromos dos que fala hoxe a Xunta suman un total de 152 persoas infectadas. As 106 doentes confirmadas en Pereiro de Aguiar súmanse a outras tres que se localizaran nas últimas xornadas.

En Monterrei, onde até esta quinta feira non se tiña comunicado ningún caso activo, suma dunha soa vez 46 usuarias e usuarios enfermos polo coronavirus.

Coas cifras de afección de todos os xeriátricos, Pereiro de Aguiar pasa a ocupar a segunda posición en canto a número de maiores contaxiados, tan só por detrás do centro residencial DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei. Alí, segundo a Consellaría de Política Social, aínda hai 130 casos activos se ven a curva está en plena baixada.

Monterrei está como terceira infraestrutura máis afectada pola pandemia á par que a residencia Nosa Señora do Viso, en Lobeira. No Incio quedan 42 enfermas e enfermos entre os residentes.

Un novo falecemento

Segundo a Xunta, quedan outras residencias afectadas pero con menos afectadas que nestes primeiros casos. Por exemplo, na Santa Marta de Vigo hai 13 contaxiadas -nas últimas horas recibiron a alta médica catro persoas- e nas Salinas, en Ourense, mantéñense baixo vixilancia 11 residentes após unha curación.

Na Residencia Ballesol de Oleiros faleceu unha das usuarias polo que agora hai seis positivos. A Torrente Ballester da Coruña ten cinco casos e o resto están na DomusVi Coruña, en Oleiros (2); Arteixo (1), Nosa Señora dos Milagros de Barbadás (1) e Virxe Branca de Ourense (1).

Afección nos cadros de persoal

Non son bos datos e xeran preocupación sobre a incidencia do coronavirus nun ámbito, as residencias de maiores, onde os seus efectos son máis preocupantes. O contraste vén hoxe nas estatísticas de traballadoras e traballadores afectados polo virus. Desde onte até hoxe pasan dos 107 aos 99 casos activos.

As instalacións nas que segue a haber gran parte do cadro de persoal infectado son: DomusVi Lugo (20); Nosa Señora do Viso (17); O Incio (9); onde se detectou o surto de Monterrei (6); Las Salinas (4) e Virxe Branca (3). Os 31 xeriátricos restantes que ten contabilizados a Xunta contan con entre dúas e unha operaria con síntomas da Covid-19.

A nivel xeral, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 4.083.

Deles 784 son da área da Coruña, 483 da de Lugo, 1.148 da de Ourense, 613 da de Pontevedra, 408 da área de Vigo, 545 da de Santiago, e 102 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 3.861 no domicilio.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 20.860 persoas curadas, rexistrándose 774 falecementos.

(En ampliación)