O PSdeG exorta a Xunta a intervir dúas das residencias con máis contaxios

Dúas traballadoras saen da residencia do Incio, xestionada pola Fundación San Rosendo, tras detectarse un gromo (Imaxe: Europa Press).
Val de Monterrei conta con 51 positivos activos entre usuarios e usuarias e Nosa Señora do Viso con 33.

Os dous xeriátricos que concentran os maiores gromos de coronavirus da Galiza, Os Gozos en Pereiro de Aguiar e DomusVi Lugo en Outeiro de Rei, foron intervidos pola Xunta da Galiza. No primeiro mantéñense 164 usuarias e usuarios contaxiados e 129 no segundo.

O PSdeG instou onte á Administración galega a facer o mesmo con outros dos centros que rexistran unha alta incendencia do virus: Val de Monterrei e mais a Nosa Señora do Viso, no concello de Lobeira.

A voceira de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, instou ao Executivo galego a tutelar de maneira máis controlada ambos os xeriátricos para "evitar máis falecementos" entre as persoas usuarias.

Ortega presentou unha batería de iniciativas parlamentarias despois de que a pasada segunda feira, 1 de outubro, Galiza rexistrase once novas mortes relacionadas coa Covid-19. "Supón a maior cifra de falecementos nunha mesma xornada desde o pasado 26 de abril", lembrou.

A socialista urxe á Xunta da Galiza a tomar medidas preventivas e "non a actuar cando os contaxios invaden o centro na práctica totalidade". Con isto, lamenta que tanto nas residencias Val de Monterrei como en Nosa Señora do Viso a "situación é xa límite". A primeira conta con 51 positivos entre as persoas residentes e 15 entre o persoal, e a da Nosa Señora do Viso con 33 e 6 respectivamente. 

Núcleo máis vulnerábel

"É preciso que a Xunta interveña a xestión para poder dotar do persoal suficiente, así como de recursos que habiliten unha mellora na atención das persoas interinas ", engadiu Ortega, xa que as residencias "configuran o núcleo máis vulnerábel neste contexto".