luns 28/09/20

O Goberno galego anuncia cribados quincenais para o persoal de residencias

Seguirán as visitas a centros xeriátricos, mesmo en concellos con restricións
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que a Galiza leva semanas na segunda vaga da pandemia.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que a Galiza leva semanas na segunda vaga da pandemia.

O Consello da Xunta abordou esta quinta feira, 10 de setembro, a posta en marcha de novas medidas en centros residenciais de maiores e discapacidade. Entre elas salienta un protocolo para regular as visitas a usuarias e usuarios de centros situados en zonas que se vexan especialmente afectadas pola Covid-19, co obxectivo de  reducir o impacto do confinamento nas e nos residentes, segundo dixo o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo.

O mandatario confirmou a elaboración dun protocolo que entrará en vigor nos vindeiros días, con medidas encamiñadas a manter a interacción entre as e os residentes e os seus familiares, aínda que haxa restricións por mor do virus dentro do concello en que se insira o centro.

Co novo documento da Xunta estabelecerase o límite das visitas a unha persoa por residente, cunha duración máxima dunha hora ao día e cunha serie de medidas de prevención baseadas en solicitar cita previa e chegar con antelación ao centro para que lle observen se ten ou non síntomas compatíbeis coa Covid-19.

Hai máis pautas obvias, como ter que desinfectar as mans, respectar as distancias e usar máscara. Alén disto, óptase porque as visitas sexan en lugar aberto e con xardín, mais semella que, partindo da base de que isto non será posíbel ante a realidade da masificación de moitos dos centros xeriátricos galegos e a falla de espazos diáfanos, o protocolo indica como opción alternativa a habilitación dunha sala específica para realizar as visitas, perto da entrada, ventilada con ar exterior e con circuítos de entrada e saída.

Visitas ás moradas

Feixoo subliñou que este protocolo tamén recolle que as persoas con discapacidade que realicen habitualmente saídas durante a fin de semana ao domicilio familiar poderán seguir facéndoas. Iso si, ao voltaren ao centro terán que someterse a un test.
O presidente referiuse tamén á posta en marcha de cribados constantes entre o persoal dos centros sociosanitarios. Así, cada 15 días faranse probas ás 15.000 traballadoras e traballadores que están nas residencias e centros de discapacidade.

Adicionalmente, levarase a cabo unha mostraxe aleatoria entre as e os usuarios das 300 residencias do país. Estas decisións chegan logo de que a Xunta constatase que a Galiza está "nunha segunda vaga desde hai semanas", dixo Feixoo, a cal chegou "antes do que estaba previsto".

Castro segue en Turismo

Nava Castro seguirá como directora de Turismo da Galiza, cargo que ocupa desde 2013 e que agora depende da Vicepresidencia que dirixe Alfonso Rueda. Castro ten longa traxectoria política, que iniciou como deputada no Parlamento. Ademais é filla do alcalde franquista de Ponteareas, concello que gobernou desde 1968, con Franco, até o 2000, baixo as siglas de Alianza Popular e Partido Popular.

Alén do nomeamento de Castro, Feixoo anunciou que un dos seus homes de confianza, Álvaro Pérez López, volve á Secretaría Xeral de Presidencia. O Goberno tamén nomeou Pablo Casal secretario xeral técnico da Vicepresidencia Segunda e da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación; e o vilalbés José Ramón Pardo Cabarcos será secretario xeral técnico da Consellaría de Emprego e Igualdade.

A Xunta crea un comité educativo após o inicio do curso

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciou onte, logo da reunión do Consello da Xunta, a creación dun comité educativo de expertas e expertos do ámbito do ensino e mais do comité clínico que asesora a Xunta desde o inicio da pandemia. O obxectivo deste organismo será orientar o Executivo no marco da situación sanitaria e "que os profesionais da educación vaian validando e resolvendo as dúbidas nos casos prácticos que se vaian propoñendo na Galiza", dixo Feixoo.

"Será necesario tomar a maioría das veces decisións inéditas", apostilou o presidente en referencia ao curso académico, adianto que van "ter que improvisar, tomando decisións que nunca antes se tomaron". A creación deste comité anunciouse precisamente horas despois de que as aulas comezasen a abrir as portas. 

comentarios