O Estado rexeita pedir a prórroga do rescate a Canadá que piden Xunta e BNG

Lugar onde naufragou o 'Vila de Pitanxo' a pasada terza feira (Foto: JRCC Halifax).
O delegado do Goberno na Galiza, José Miñones, afirma que o Estado xa xestionou co Canadá a ampliación do dispositivo a 36 horas a pesar das condicións climatolóxicas adversas, e que agora se centrará en xestionar a repatriación dos nove corpos achados sen vida e dos tres mariñeiros rescatados.

O Goberno estatal descarta pedir que se amplíe o operativo de busca dos mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' outras 24 horas, como solicitou a primeira hora desta quinta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

"Pedimos que se retomen as tarefas de busca. Onte [pola cuarta feira] tiñamos o anuncio de que se podían retomar nas próximas 24 horas e esta mañá trasladámoslle ao Goberno o noso interese de que se retomen cando menos no día de hoxe, e espero que as autoridades canadenses nos dean unha resposta positiva", apuntou o mandatario galego, en declaracións aos medios antes de participar nun acto público en Compostela.

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou a retomar a busca outras 24 horas: "Queremos que non quede dúbida ningunha de que se fixo todo o posíbel por esas persoas, sabendo o importante que é para as familias recuperar os corpos para despedir aos seus familiares".

Así o trasladou do delegado do Goberno na Galiza, José Miñones, ao ser preguntado en Vigo por esa petición de Núñez Feixoo. Segundo apuntou Miñones, a Embaixada do Estado español no Canadá xa fixo "xestións" para que os labores de rastrexo se estendesen até as 36 horas, a pesar de que os protocolos de rescate canadenses, nesa zona e en malas condicións meteorolóxicas e marítimas, non prevén procuras "de máis de 23 horas".

Por iso, o Estado rexeita agora solicitar unha nova prórroga das tarefas de rescate e centrarase na xestión da repatriación dos tres mariñeiros sobreviventes e dos nove falecidos cuxos corpos puideron ser recuperados, que se atopan a bordo de tres buques, navegando en dirección ao porto de Saint John.

Dispositivo de repatriación

O Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, a través do cónsul xeral en Montreal, Luis Calvo, trasladou ás familias das vítimas e os sobreviventes do naufraxio a súa "total disposición" para axilizar a repatriación. Aliás, Calvo, que se atopa en Saint John's de Terranova desde que tivo constancia do afundimento, informou ás familias da suspensión das operacións de busca dos doce mariñeiros que aínda seguen desaparecidos debido ás desfavorábeis condicións meteorolóxicas con ondas de ata dez metros, fortes ventos, baixas temperaturas próximas aos cero graos e unha visibilidade moi reducida.

No operativo mobilizado por Exteriores para xestionar esta traxedia, alén do cónsul xeral, tamén están a intervir o embaixador no Canadá, Alfredo Martínez, que está en "permanente contacto" co Ministerio de Exteriores canadense e o resto de autoridades implicadas, así como o cónsul honorario en Terranova, Jean Pierre Andrieux, quen se atopa tamén en Saint John's para axilizar as xestións loxísticas e administrativas relativas ao rescate e repatriación.

Pola súa parte, o ministro, José Manuel Albares, está a coordinar o operativo desde Madrid e segue en comunicación con José Miñones e a dirección xeral de Españois no Exterior e Asuntos Consulares, responsábel deste tipo de asuntos. Segundo Exteriores, tanto os tres sobreviventes —dous galegos e un ganés— como os nove corpos recuperados até o momento diríxense rumbo ao porto de Saint John's a bordo dunha embarcación da Galiza, unha portuguesa e outra canadense, e espérase que cheguen contra as 6 horas (hora canadense; 11 horas na Galiza) desta sexta feira.

Suspensión definitiva

As autoridades canadenses deron por finalizadas na tarde desta cuarta feira os labores de busca dos doce tripulantes que permanecen desaparecidos tras o naufraxio, segundo confirmaron a Nós Diario fontes da Central de Salvamento Marítimo en Madrid.

Este foi o anuncio que realizou tamén o centro de rescate de Halifax (JRCC Halifax), a través dun comunicado emitido ás 22.18 horas desta cuarta feira (17.18 hora local): "Lamentabelmente, ás 16 horas [no Canadá], con base nos resultados de busca exhaustiva por un número significativo de medios aéreos e embarcacións de salvamento nas últimas 36 horas, cubrindo máis de 900 millas náuticas, a busca dos doce mariñeiros desaparecidos a bordo do 'Vila de Pitanxo' foi suspendida".

En consecuencia, o suceso pasa agora a mans das autoridades policiais e será tratado desde agora como un caso de persoas desaparecidas no mar. As autoridades esgrimen motivos "científicos" para xustificar esta decisión, alegando que, co tempo actual, resultaría imposíbel sobrevivir no mar de Terranova durante máis de 24 horas.