Os barcos cos tres sobreviventes e os nove corpos atopados chegarán esta sexta feira ao porto de Saint John

Canadá cancelou definitivamente o operativo de busca (Foto: JRCC Halifax).
Fontes de Salvamento Marítimo sinalan a 'Nós Diario' que aínda se descoñecen as causas do sinistro, que será investigado "posteriormente".

Fontes de Salvamento Marítimo confirmaron na mañá desta quinta feira a Nós Diario que os nove corpos atopados dos mariñeiros falecidos, así como os tres sobreviventes do naufraxio do buque 'Vila de Pitanxo', regresarán a terra esta sexta feira.

En concreto, os servizos de rescate de Halifax (JRCC Halifax) confirmaron, alén da suspensión definitiva do operativo de busca, que está prevista a chegada ao porto canadense de Saint John contra as 11 horas —hora da Galiza—, malia que aínda non se determinou cando serán repatriados.

A bordo do 'Praia Menduíña 2', aliás, están os tres mariñeiros rescatados, ao igual que sete dos nove corpos atopados até o momento. Os outros dous repousan no 'Nexus' canadense.

Salvamento Marítimo di non coñecer aínda as causas do sinistro, que se investigará "posteriormente"

A respecto das causas do sinistro, desde Salvamento Marítimo afirman non ter coñecemento de reporte ningún do JRCC Halifax e apuntan que a cuestión se resolverá "posteriormente", cando se inicie unha investigación.

As condicións climatolóxicas adversas dificultaron enormemente a operación de busca, segundo precisaron fontes do dispositivo de rescate, que na cuarta feira xa advertían das baixas probabilidades de achar o resto da tripulación.

O Goberno do Perú identifica cinco mariñeiros

Por outra parte, o Ministerio de Asuntos Exteriores do Perú confirmou esta cuarta feira que entre os corpos recuperados na operación de rescate hai catro tripulantes con pasaporte peruano e outro coa dobre nacionalidade.