A Galiza chora os mortos no mar

O presidente, Alberto Núñez Feixoo, e o resto do Goberno durante o minuto de silencio. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Bandeiras a media hasta e crespóns espalláronse polo territorio galego pola traxedia do Vila de Pitanxo, ao tempo que o Goberno decretaba tres días de loito oficial. Malia que o operativo de rescate continuou até a noite, con cada vez máis pesqueiros uníndose aos traballos, ao longo do día non se atoparon máis superviventes nin máis corpos dos mariñeiros falecidos. 12 membros da tripulación aínda están desaparecidos.

Desde as confrarías galegas -que penduraron crespóns negros nas súas sedes-, aos Concellos, Deputacións, empresas do sector pesqueiro, sindicatos, partidos políticos, o Congreso, o Parlamento ou o Goberno.

As condolencias e a dor polo acontecido percorreron a cuarta feira toda a sociedade galega, tras o naufraxio a 450 km de Terranova (Canadá) do Vila de Pitanxo na madrugada da terza feira, que deixa cando menos 9 mariñeiros falecidos, 12 desaparecidos e apenas tres superviventes: José Costa Padín, patrón do buque de Marín, Eduardo Rial, e Samuel Kwesi Koufie.

Após un minuto de silencio ás 11 da mañá en todas as institucións da Galiza, o Consello extraordinario da Xunta da Galiza decretou tres días de loito oficial. A decisión procura “lembrar os que perderon a súa vida na mar”, explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e “render tributo á comunidade mariñeira” perante “unhas das peores traxedias marítimas” que padeceu o país. “A nosa historia está feita por datas dramáticas tristemente protagonizadas polos nosos mariñeiros”, incidiu.

“A gran familia que é a Galiza chora os seus fillos, é o momento de incorporalos á nosa memoria para que a traxedia non se esqueza”, sentenciou Feixoo, que garantiu que brindarán toda a información dispoñíbel sobre o rescate, así como “todo tipo de axuda” ás familias, sobre todo de carácter psicolóxico e asistencial.

Asemade, estabeleceuse unha coordinación entre Xunta, Estado, a armadora e o equipo de psicoloxía encargado de atender as persoas achegadas dos mariñeiros.
O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, defendeu que o Executivo estatal non escatimará esforzos para esclarecer os feitos.

Suspenden o operativo de rescate

Un avión de rescate do Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC Halifax), o servizo de salvamento desa demarcación canadense, dous helicópteros, unha fragata, un remolcador con bandeira do Canadá, catro pesqueiros portugueses e dous galegos permaneceron na zona buscando os 12 mariñeiros desaparecidos.

Brian Owens, coordinador da misión de rescate do JRCC Halifax, reportou un empeoramento das condicións climáticas con respecto ao primeiro día de rescate, con refachos de vento de 70 km por hora e mar picado con ondas de até 10 metros de alto. Non obstante, produciuse unha mellora da visibilidade.

Ao longo do día, a zona rexistrou temperaturas de -7ºC, cunha sensación térmica que pode chegar aos -17ºC. Ademais, nesta época do ano, a auga non supera os 4ºC.

Á noite, o Canadá anunciou que suspendía de maneira definitiva a busca xustificándose na situación do mar e no tempo que pasou desde o naufraxio.

O naufraxio

O Vila de Pitanxo, botado en 2004, estaba na metade da súa vida útil, e era un dos buques máis modernos do Grupo Nores, a armadora do barco con sede en Marín (O Morrazo).

Fontes do sector apuntan que o afundimento tivo que producirse en poucos minutos, o que impediu que os mariñeiros puideran vestir os traxes de supervivencia, imprescindíbeis para sobrevivir en augas como as de Terranova.

Ao tempo, apuntan como principal hipótese a un golpe de auga durante a suba do aparello, que tería deixado o barco alzado na proa, forzando o Vila de Pitanxo a revirarse antes de afundir.

As familias, reunidas na contorna das oficinas do Grupo Nores após facerse público o suceso, criticaron a falta de información recibida por parte da compañía sobre o acontecido.

22 dos 24 tripulantes do buque viven na contorna da comarca do Morrazo (Bueu, Cangas, Marín e Moaña), un en Lepe (Huelva), e outro, que se desempeñaba como observador de control do Instituto estatal de Oceanografía, moraba nas Illas Canarias.

Ademais dos 16 que contan con pasaporte estatal -tres nados en Marín, tres en Cangas, un en Moaña e outro en Bueu-, cinco proceden do Perú e tres de Ghana.

“Agardamos que nestas horas se recupere algún corpo máis ou haxa sorte e estean nalgunha balsa os outros tripulantes”, destaca desde Marín o responsábel de Mar da Confederación Intersindical Galega, Xavier Aboi, explicando que para as familias “non atopar o corpo é terríbel, como unha segunda morte, e iso só o sabe a xente da costa”.

Unha vez que remate o rescate xa “teremos tempo a comprobar se algúns medios de salvamento se podían mellorar”, asegura, lembrando que os equipamentos de seguridade a bordo son máis modernos na navegación deportiva que na pesqueira, e que a “Administración debía modernizar” con maior periodicidade a lexislación sobre os requisitos dos materiais de seguridade.

Desaparecidos

Unha norma de 2015 reduciu os prazos para declarar o falecemento dos mariñeiros desaparecidos, e que as súas familias poidan recibir as axudas e indemnizacións previstas. En casos como o Vila de Pitanxo, “cuxo naufraxio ou desaparición por inmersión no mar se comprobara”, isto acontece oito días despois do sinistro.

De non estar comprobado o naufraxio mais “haxa evidencias racionais de ausencia de superviventes”, a declaración chegaría un mes despois das últimas novas recibidas do navío.

A Xunta non investiga a sinistralidade marítima

A Xunta desbotou en 2019 a posibilidade de que a Galiza tivese unha comisión de investigación de sinistralidade marítima porque, argumentara naquela altura o subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, no Parlamento; este é un labor que xa realiza a Comisión de investigación de accidentes e incidentes marítimos (CIAM), que depende do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.