Case 400 mortos no mar en 25 anos

Imaxe de aqruivo dun barco encallado na Mariña
Entre 2005 e 2020 houbo 20.000 sinistros laborais.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) considera o de mariñeiro como unha das profesións máis perigosas. Unha realidade que na Galiza é ben coñecida e que testemuñan ano tras ano os informes do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

Entre 1994 e 2020 perderon a vida na Galiza 384 traballadores e traballadoras do mar. Tan só entre 2014 e 2020 foron 70 os falecidos, e o número de sinistros laborais relacionados coa pesca superou os sete mil até se situar en 7.091. 

Unha media de case tres accidentes por día e un morto cada mes. E isto nun colectivo de traballadores, o sector da pesca e acuicultura, que non chega a 19.000 persoas. Por iso arrepían datos como que entre 2010 e 2016 un de cada cinco traballadores e traballadoras que morreron na Galiza por accidente laboral estaba relacionado coa pesca. 

Traballo "moi duro"

En xuño do ano pasado a traxedia do Sempre Güeto, un cerqueiro de Portosín que envorcou  á altura de Cedeira deixando dous mariñeiros mortos,  levou o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, a lembrara Nós Diario que "o traballo do mar é moi duro, non hai outra". Cre, como noutros casos, que erradicar os accidentes "vai ser algo imposíbel" polas circunstancias e o medio no que traballan. Xosé Manuel Carril, profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social na Universidade da Coruña, explicaba a este medio que no sector da pesca, traballando a bordo dos buques, hai unha "combinación de varios riscos", por un lado os propios "do medio" e por outro "do seu centro de traballo".

Este profesor salientaba que a propia OIT e a Unión Europea (UE) "poñen de manifesto que onde máis accidentes hai é nas actividades marítimo-pesqueiras" sobre todo aquelas que se realizan a bordo dos buques de pesca. Por este motivo cre que o Estado español "debería mellorar a regulación das condicións de traballo nas embarcacións".

Pola propia perigosidade do traballo, Carril demandaba que sexa un traballo "ben regulado, ben remunerado e ben protexido" para que compense o esforzo de quen traballa neste sector. 

Traxedias

O Vila de Pintanxo é, até agora, o último dos naufraxios que sacude a pesca galega nestas dúas décadas.

- Zafir (2000): O cargueiro portugués Zafir, con tripulación galega, naufraga no mar Xónico. 13 mortos e desaparecidos.

- Panchito (2000): O pesqueiro de Laxe afunde na Costa da Morte. Catro mariñeiros mortos e un desaparecido.

- O Bahía (2004): Este cerqueiro de Cambados afundiu  á altura das Illas Sisargas. Morreron os 10 tripulantes.

- Siempre Casina (2006): Volanteiro con base en Burela que afundiu 21 millas ao norte de Ribadeo. Faleceron oito tripulantes.

- Cordero (2008): Arrastreiro de Ribeira que foi a pique a 30 millas da Coruña. Un morto e catro desaparecidos.

- Almuíña (2009):  Palangreiro vigués naufragado a mil millas das Bermudas. Catro mariñeiros desaparecidos.

- Santa Ana (2014): O afundimento fronte á costa asturiano deste pesqueiro con armadora de Muros deixou oito mortos.

-Mar de Marín (2014): Arrastreiro que afundiu entre as Cíes e Monteferro. Cinco mortos

-Sin Querer Dos (2018): Pesqueiro de Portonovo que naufragou perto de Fisterra. Tres mariñeiros mortos e un desaparecido.