Canadá dá 'carpetazo' á busca dos doce mariñeiros desaparecidos

O operativo de busca desmantelouse contra as 22 horas desta cuarta feira (Foto: JRCC Halifax).
As autoridades alegan que, coas condicións climatolóxicas actuais, resultaría imposíbel sobrevivir no mar de Terranova durante máis de 24 horas.

As autoridades canadenses acordaron esta cuarta feira suspender de forma definitiva o operativo de busca despregado en augas de Terranova para tentar localizar os doce mariñeiros desaparecidos do buque 'Vila de Pitanxo', aínda en paradeiro descoñecido.

Así o notificou o centro de rescate de Halifax (JRCC Halifax) a través dun comunicado emitido ás 22.18 horas desta cuarta feira (17.18 hora local): "Lamentabelmente, ás 16 horas [no Canadá], con base nos resultados de busca exhaustiva por un número significativo de medios aéreos e embarcacións de salvamento nas últimas 36 horas, cubrindo máis de 900 millas náuticas, a busca dos doce mariñeiros desaparecidos a bordo do 'Vila de Pitanxo' foi suspendida".

En consecuencia, o suceso pasará agora a mans das autoridades policiais e será tratado desde agora como un caso de persoas desaparecidas no mar. As autoridades esgrimen motivos "científicos" para xustificar esta decisión, alegando que, co tempo actual, resultaría imposíbel sobrevivir no mar de Terranova durante máis de 24 horas.

As condicións climatolóxicas adversas dificultaron enormemente a operación de busca, segundo precisaron fontes do dispositivo de rescate, que na cuarta feira xa advertían das baixas probabilidades de achar o resto da tripulación.

Os servizos de salvamento lograron rescatar tres dos tripulantes —o patrón, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial, e máis o tripulante Samuel Kwesi—, que están a bordo do buque de bandeira galega 'Praia Menduíña 2' á espera de regresar a terra.

Os sobreviventes foron atopados con sinais de hipotermia nunha balsa salvavidas; outras dúas apareceron baleiras. Aliás, recuperáronse nove corpos sen vida.

Protocolo de atención ás familias

As autoridades adoptaron esta cuarta feira un protocolo de atención ás familias das vítimas semellante ao operativo que se despregara após o accidente ferroviario de Angrois.

Deste modo, son os psicólogos contratados pola Xunta da Galiza —reforzados se for preciso con especialistas de Cruz Vermella— os únicos que notifican as novidades aos achegados dos mariñeiros.

Por outra parte, esta quinta feira desprázase até Vigo e Marín o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para trasladar ás familias a "solidariedade" e o "apoio" do Goberno estatal. Planas reunirase coa Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) e coa armadora do buque sinistrado, o marinense Grupo Nores.