A Xunta e o BNG piden retomar a busca dos mariñeiros 24 horas máis

Lugar onde naufragou o 'Vila de Pitanxo' a pasada terza feira (Foto: JRCC Halifax).
Núñez Feixoo recoñece que as condicións do mar "son moi complicadas", mais apunta que "hai moitos corpos desaparecidos e merece un último esforzo".

A Xunta da Galiza vén de instar o Goberno do Canadá a retomar, "cando menos no día de hoxe [por esta quinta feira]" a busca dos doce mariñeiros do 'Vila de Pitanxo' que aínda permanecen desaparecidos tras o naufraxio do pesqueiro galego a pasada terza en augas de Terranova.

"Pedimos que se retomen as tarefas de busca. Onte [pola cuarta feira] tiñamos o anuncio de que se podían retomar nas próximas 24 horas e esta mañá trasladámoslle ao Goberno o noso interese de que se retomen cando menos no día de hoxe, e espero que as autoridades canadenses nos dean unha resposta positiva", aseverou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en declaracións aos medios antes de participar nun acto público en Compostela.

Preguntado por se o Estado español debería enviar medios propios á zona para tentar recuperar máis corpos, Feixoo dixo: "Imos velo". "O que está claro é que suspendelo de forma abrupta, logo de termos a expectativa de mantelo cando menos 24 horas máis, é moi difícil de explicar, en primeiro lugar para as familias", engadiu.

Aínda que o presidente galego se mostrou comprensivo coas actuais condicións do mar, "que son moi complicadas", insistiu en que "hai moitos corpos desaparecidos e merece cando menos un último esforzo".

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou a retomar a busca outras 24 horas: "Queremos que non quede dúbida ningunha de que se fixo todo o posíbel por esas persoas, sabendo o importante que é para as familias recuperar os corpos para despedir aos seus familiares".

Suspensión do operativo

Na noite desta cuarta feira, transcorridas unhas 36 horas desde o naufraxio do buque con porto base en Marín, Canadá anunciou a suspensión definitiva do operativo de rastrexo.

Así o notificou o centro de rescate de Halifax (JRCC Halifax) a través dun comunicado emitido ás 22.18 horas desta cuarta feira (17.18 hora local): "Lamentabelmente, ás 16 horas [no Canadá], con base nos resultados de busca exhaustiva por un número significativo de medios aéreos e embarcacións de salvamento nas últimas 36 horas, cubrindo máis de 900 millas náuticas, a busca dos doce mariñeiros desaparecidos a bordo do 'Vila de Pitanxo' foi suspendida".

En consecuencia, o suceso pasa agora a mans das autoridades policiais e será tratado desde agora como un caso de persoas desaparecidas no mar. As autoridades esgrimen motivos "científicos" para xustificar esta decisión, alegando que, co tempo actual, resultaría imposíbel sobrevivir no mar de Terranova durante máis de 24 horas.