O Goberno estatal aproba modificar a concesión da AP-9 en Pontevedra para pagar obras por valor de 11 millóns

'Nó de bombeiros', na AP-9 ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Goberno español)

As obras, xa licitadas, non afectarán a duración da concesión. A empresa concesionaria, Audasa, só se fará cargo do mantemento e da explotación do vial.

O Consello de Ministros español, na súa reunión desta terza feira e a proposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), aprobou un Real Decreto polo que se modifica a concesión da Autoestrada da Atlántico AP-9, para artellar e executar a remodelación da ligazón de acceso a Pontevedra Norte, situado no quilómetro 129 e coñecido como 'Nó de Bombeiros'.

Segundo destacou o Goberno do Estado español, trátase dunha modificación concesional que non supón ningún cambio nin na contía das peaxes nin na duración da concesión e que contempla unha serie de actuacións encamiñadas a “mellorar a mobilidade e fluidez nun ámbito de conexión da Rede de Estradas do Estado coa malla urbana de Pontevedra e a súa contorna, e unha mellora nas condicións de seguridade viaria e no nivel conxunto de emisións”.

Para conseguir estes obxectivos, estabeleceuse unha repartición de obrigacións entre o Mitma e a sociedade concesionaria, Audasa, de tal forma que a Dirección Xeral de Estradas do Mitma asumirá a execución das obras, as cales xa se licitaron por un importe de 10,96 millóns de euros, e Audasa encargarase da conservación, mantemento e explotación dos ramais de acceso á autoestrada da ligazón remodelada.

Así mesmo, o Executivo central explicou que a actual ligazón é un enlace 'tipo trompeta' no que se permiten todos os movementos de entrada e saída da AP-9 e a súa conexión coa estrada autonómica PO-531 (Pontevedra - Baiona), así como coa avenida Domingo Fontán.

Este enlace sitúase nun tramo libre de peaxe para os movementos internos Pontevedra Norte - Pontevedra Sur e no que, por tanto, “a intensidade de tráfico é maior que nos tramos adxacentes”. A configuración actual obriga a que todos os movementos permitidos coa autoestrada deban pasar pola rotonda dos bombeiros.

O departamento estatal lembra que a solución exposta consiste en pasar dunha tipoloxía de enlace 'tipo trompeta' a un enlace 'tipo diamante' con pesas coas dúas glorietas existentes, que se modifican para adecualas á nova configuración, conectando a glorieta situada ao norte da Ponte das Correntes directamente cos ramais de ligazón que permiten os movementos Vigo cara a Pontevedra, e Pontevedra cara a Santiago “descargando desta forma a avenida de Domingo Fontán e a propia rotonda de bombeiros”.