O Goberno español perdoa case 400 millóns de euros a catro compañías eléctricas polo canon da auga

Naturgy é unha das empresas exoneradas do pago do canon de 2021. (Foto: Europa Press)
Iberdrola, Naturgy, Endesa e Acciona son as catro empresas que quedarán exoneradas do pago correspondente a 2021.

O Goberno español perdoará o pago de 380 millóns de euros a Iberdrola, Naturgy, Endesa e Acciona, catro das principais compañías eléctricas do Estado español.

Eses case 400 millóns de euros corresponden ao pago do canon de auga durante o exercicio de 2021, do que estas empresas quedarán exoneradas, após o Executivo de Pedro Sánchez non recuperase a tempo a taxa para estas compañías polo emprego de auga de ríos e encoros.

O Partido Socialista (PSOE) introduciu unha emenda á Lei de Residuos que está a tramitar o Senado para recuperar este canon hidráulico, pero non será até 2023 cando cando o Estado español comezará a ingresar o cobro desta taxa.

Actualmente, a potencia hidráulica instalada no Estado español é de 17.098 megaWatts (mW), da que a maior parte corresponde a Iberdrola, 9.700 mW. Endesa e Naturgy contan con 4.800 mW e 1.950 mW contratados, respectivamente.

Canon de auga

O canon de auga foi creado no ano 2015, cun carácter retroactivo nos anos 2013 e 2014. As eléctricas decidiron recorrer este canon amparándose precisamente na retroactividade estabelecida no Real Decreto que regula a taxa.

Finalmente, en 2021 o Tribunal Supremo deu a razón ás eléctricas, cunha sentenza que obrigou o Estado a devolver todo o recadado entre os anos 2013 e 2020, uns 1.900 millóns de euros que saíron do Fondo estatal de Continxencia.

O Executivo de Pedro Sánchez traballou para adaptar a normativa aos requerimentos impostos polo Tribunal Supremo. O principal cambio para non incumprir a sentenza é que se modifican os títulos concesionais para a aplicación do canon.

Ademais, a nova proposta do Goberno español retira o carácter retroactivo da taxa para evitar que volva ser recorrida polas grandes eléctricas. Deste xeito, non terán que facer o pago de 2021, e non será até marzo de 2023 cando abonará o correspondente a 2022.