Galiza podería recuperar 1.367 megawatts de xeración hidráulica nos próximos anos

O vencemento das concesións abre a porta á xestión pública dos saltos, unha posibilidade que a Xunta desbota mais o Goberno español está disposto a explorar.
O encoro de Belesar (Chantada), o segundo de maior potencia instalada, é un dos que remata a súa concesión nos próximos anos (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera O encoro de Belesar (Chantada), o segundo de maior potencia instalada, é un dos que remata a súa concesión nos próximos anos (Foto: Luis Vilanova).

A Xunta da Galiza volveu fechar a porta á posibilidade de recuperar para o dominio público concesións de centrais hidroeléctricas que levan anos sacando avultados beneficios dos cursos fluviais do pais.

Nesta ocasión non era por finalización do prazo concesional ou quebra da entidade concesionaria, como aconteceu o pasado mes de xaneiro cun aproveitamento no río Lérez ao seu paso polo concello de Pontevedra. Desta vez, o BNG pedía retirar a ITP-Ithaka ─dona de Xeal─ os encoros dos ríos Xallas e Grande por incumprir os pregos da concesión, que ligan a xeración enerxética das centrais ao mantemento do emprego nas plantas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría, algo que non está a acontecer. 

De feito, o comité de empresa de Xeal denuncia que a empresa propietaria dos antigos activos de Ferroatlántica na Costa da Morte está a empregar os altos prezos da enerxía para, por unha parte, xustificar a parada dos fornos e, por outra, sacar o máximo beneficio coa venda da electricidade que xeran os encoros e que ben chegaría para cubrir a demanda enerxética de ambas as factorías.

Próximos vencementos

Na Galiza existen na actualidade 166 aproveitamentos hidroeléctricos, 45 deles de grande hidráulica. O prazo máximo de explotación dos mesmos ascende por lei a 75 anos, polo que 16 centrais galegas, que representan 1.367 megawatts (MW) de potencia instalada sobre un total de 3.757 MW, cumprirán ese tempo en pouco máis dunha década.

Segundo os datos do Inega, o das Cunchas, no concello de Lobios e propiedade de Naturgy, será o primeiro en vencer, en 2024. Após del, virán os de Pontenovo, de Iberdrola (2028) e Os Peares, de Naturgy (2030). 

O resto rematará as súas concesións na década dos 30. Entre eles están os de Santo Estevo e San Cristóbal, de Iberdrola, no 2032 e 2033, respectivamente; tamén no 2033, o de Castrelo, de Ferroatlántica; o de Prada (Endesa, 2034); Eume e San Sebastián (Endesa) no 2035, mesmo ano no que vence a do de San Pedro (Iberdrola); os de Santo Agostiño e Quereño (Endesa) un ano despois, no 2036, e os de Cornatel (Endesa) e Belesar ─o segundo máis grande da Galiza, con 310 MW─ en 2038.

A estes vencementos hai que sumar os de ducias de minicentrais, algunhas delas con concesións que datan das primeiras décadas do século pasado.

Empresa pública 

Desde o Goberno español, a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, suxeriu asumir a xestión destes encoros unha vez rematen as concesións co obxectivo de garantir a enerxía como servizo público e combater a pobreza enerxética. Sería a través dunha empresa pública, que sería a encargada de xestionar eses activos. 

A idea non é nova na Galiza, pois a CIG defendeu no Parlamento galego en 2019 unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) neste mesmo senso, que foi botada abaixo polo grupo do PP

Esta medida, xunto coa tarifa eléctrica galega que defende o BNG permitiría á cidadanía galega, e non ás empresas enerxéticas, segundo indican, beneficiarse da explotación dos recursos do país e pagar menos pola enerxía que usan.

Comentarios