O Consello de Ministros e de Ministras prevé aprobar esta terza feira a fin da obrigatoriedade das máscaras en centros sanitarios, farmacias e residencias instaurada pola pandemia da Covid-19.
Trátase dos últimos espazos onde aínda é obrigatorio o seu uso, após a retirada da obrigación no transporte público o pasado 8 de febreiro.
Precisamente, ese 8 de febreiro España deixou de ser o único Estado da Unión Europea que mantiña a obrigatoriedade do uso das máscaras nos transportes públicos. Esta medida produciuse meses despois de que o aprobaran o resto de Estados comunitarios, aínda que en moitos seguíase a manter a recomendación de utilizala en espazos fechados e en transportes públicos co fin de previr o contaxio da Covid-19.
Tras a súa aprobación en Consello de Ministros e Ministras, en lugar dunha obrigación, estará só recomendado levar as máscaras nestes espazos.
En calquera caso, tal e como suxeriu o ministro de Sanidade, José Miñóns, nas últimas semanas, aínda se podería manter a obrigatoriedade das máscaras nalgúns espazos sanitarios onde haxa especiais características e pacientes inmunodeprimidos, como as UCI, as zonas de pacientes oncolóxicos, quirófanos ou Urxencias.
O Executivo levará este asunto ao Consello de Ministros e Ministras ordinario da terza feira, 4 de xullo. Posteriormente, será publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) e, así, entraría en vigor.