Galiza sumou 324 novos positivos por Covid-19 nun día, o que implica unha repunta con respecto aos 255 notificados a xornada anterior. Ademais, a taxa de positividade das PCR volveu subir até se situar no 5,4%, cando 24 horas atrás era do 2,3%.
Con todo, segundo o último parte publicado pola web da Consellería de sanidade, con datos solicitados até as 18,00 horas da quinta feira, a presión hospitalaria total na Galiza continúa á baixa cun total de 360 persoas, nove menos que hai un día. No entanto, hai que diferenciar os ingresados en planta, que baixan en 12 e colócanse en 309, dos pacientes críticos, que soben nun até os 51.
Realizáronse un total de 7.471 probas ao longo das últimas 24 horas, 499 menos que o día anterior.
No que respecta aos casos activos en toda Galiza -é dicir, a cifra total de persoas diagnosticadas da enfermidade-, a súa tendencia á baixa e esta sexta feira mantense nos 5.684 pacientes, 45 menos que o día anterior.
Das sete áreas sanitarias, hai dúas nas que sobe o número de contaxiados de covid-19 nestes momentos. En concreto, son Santiago-Barbanza, con 824 enfermos (+7); e Ourense-Verín-O Barco, con 383 (+19).
As vítimas mortais da pandemia na Galiza segue en aumento e son xa 1.293 falecidos