A Galiza precisa 180.566 vivendas dirixidas ao aluguer para igualar os datos da UE

Compartir un piso na Galiza custa unha media de 283 euros ao mes de media. (Foto: Nós Diario)
O país conta con 340.000 inmóbeis baleiros segundo datos da Fegein

A tendencia decrecente na oferta de alugueres na Galiza continúa a provocar un paralelo encarecemento dos prezos destes. Esta situación dificulta o acceso á vivenda por parte da poboación galega, que nos últimos anos se viu obrigada a  aumentar o seu esforzo económico para poder pagar os alugueres. Neste sentido, os datos do último informe realizado por Atlas Real Estate Analytics e publicado onte revelan que a Galiza precisaría aumentar en 180.566 as vivendas destinadas ao aluguer para igualar as cifras europeas.

Esta situación coñécese a mesma semana na que se publicou o índice Inmobiliario Fotocasa que mostra un ascenso do prezo da vivenda en aluguer de 1,6% en xaneiro en relación ao mes anterior e de 8,7% na taxa interanual. Segundo estes datos, a Galiza marcou o seu prezo histórico máximo, presentando unha media de 8,08 euros por metro cadrado. Ademais, compartir un inmóbel na Galiza custa perto de 283 euros ao mes de media segundo o estudo Vivendas compartidas en España, de Fotocasa e en referencia a 2022. Porén, a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) indica que na Galiza hai máis de 340.000 vivendas baleiras.

Así o confirma o presidente da Fegein, Benito Iglesias, a Nós Diario. Isto débese, en gran medida, “a que a maioría das vivendas baleiras están en municipios con menos de 5.000 habitantes” explica Iglesias, que engade que “dos 313 concellos galegos, moitos perderon poboación en beneficio de cidades máis grandes”. Iglesias indica que, do total do parque de vivendas, os inmóbeis baleiros no país aumentou en 10% ou 15% nas últimas tres décadas. “Entre 2001 e 2011 deuse un aumento de 10%, pero de 2011 a 2022 xa se aproximou a 14%”, sostén. 

Pola súa parte, a doutora en Xeografía na Universidade de Santiago, María Xosé Piñeira, explica a este xornal que “houbo un estancamento da vivenda de promoción pública” e que cómpre buscar fórmulas para pór máis inmóbeis en aluguer. De feito, considera que as 180.566 vivendas precisas para igualar os datos galegos aos europeos non serían suficientes. “Hai moitas vivendas baleiras” polo que habería que “facer convenios con propietarios privados e cos bancos para promover eses alugueres”. Piñeira sostén que as Administracións poderían funcionar de intermediarias entre a parte propietaria e a demandante de vivenda para mobilizar eses pisos baleiros. 

Mobilizar a vivenda baleira

“Nalgúns concellos xa se fixeron plataformas municipais semellantes a Fotocasa, que xestiona o propio Concello, na que se garante que os alugueres non superen o prezo de mercado”, argumenta. “Nesas plataformas ofértanse os pisos baleiros en intermediación coas persoas propietarias”, o que resulta “unha boa solución” pois, moitas veces, as vivendas de promoción pública están nas periferias e [esta solución] permitiría ter pisos dispoñíbeis nos centros urbanos e unha “maior integración social”, mantén. 

Nesta liña, Benito Iglesias ve preciso “mobilizar unha parte desa vivenda baleira ao mercado do aluguer máis que construír inmóbeis novos” e María Xosé Piñeira apunta que as institucións están retomando o debate destas cuestións. "A vivenda é un problema cronificado e sen resolver" polo que se deben tomar "iniciativas políticas", conclúe.

A vivenda é un dereito cada vez máis inaccesíbel

A doutora en Xeografía da Universidade da USC María Xosé Piñeira explica que os sectores sociais que máis sofren o encarecemento do prezo dos alugueres xa non son unicamente as persoas con rendas máis baixas e as desempregadas, senón que tamén afecta a "clase media traballadora" que, a pesar de contar cun salario, encontra dificultades para asumir os custos da vivenda. "Afecta a un grupo da poboación ao que antes non afectaba".