O prezo do alugueiro alcanza na Galiza o seu máximo

A cidade da Coruña é a máis cara, con 9,58 euros por metro cadrado de media, un euro e medio máis que no conxunto da Galiza.
Hai menos de 3.000 vivendas en aluguer na actualidade, segundo Fegein. (Foto: Inmovart)
photo_camera Hai menos de 3.000 vivendas en aluguer na actualidade, segundo Fegein. (Foto: Inmovart)

A Galiza alcanzou en decembro de 2022 o prezo máximo histórico na Galiza en vivendas en réxime de alugueiro, chegando a estar o metro cadrado a 7,96 euros ao mes, segundo o Índice Inmobiliario do portal inmobiliario Fotocasa, que ten rexistros desde o ano 2006. Deste modo, o estudo apunta que as catro provincias galegas chegaron a máximos nalgún momento durante o pasado ano. Así, Pontevedra alcanzou este punto en xuño con 9,79 euros o metro cadrado ao mes, aínda que fechou o exercicio a 8,98 euros/m2.

Nesta liña, Lugo e A Coruña tiveron os seus prezos máximos en xuño e agosto, con 6,90 euros o metro cadrado ao mes e 7,85, respectivamente. Namentres, Ourense é a provincia máis barata, situándose o seu prezo máis alto en novembro con 6,35 euros o metro cadrado ao mes.

Así as cousas, as catro capitais de provincia chegaron a máximos históricos, situándose a cidade da Coruña como a máis cara co metro cadrado a 9,58 euros ao mes.

Datos estatais

No conxunto estatal, un total de 13 comunidades autónomas alcanzaron o prezo máximo no alugueiro. Así, o prezo do arrendamento alcanzou máximos en tres ocasiones —maio, xuño e xullo— e fechou o exercicio cun prezo medio de 11,03 euros o metro cadrado ao mes.

A primeira comunidade que alcanzou máximos en 2022 foi A Rioxa, que o pasado mes de xuño alcanzou a súa marca con 8,40 euros o metro cadrado ao mes, e que terminou o ano con 7,88.

Cantabria, Castela e León, Estremadura e Murcia alcanzaron o seu máximo en xullo, mentres Asturias fixo o propio en agosto. Nafarroa e Euskadi chegaron á súa marca en novembro e en decembro foron Andalucía, Balears, Canarias e o País Valencià.

Así, Catalunya, Madrid, Aragón e Castela-A Mancha son as únicas comunidades que non alcanzaron máximos históricos no prezo medio do alugueiro durante o pasado exercicio.

Comentarios