SOCIAL

Galiza pide adaptar a capacidade das praias en función da baixamar e a preamar

Praia de Samil este domingo (A.G.Liste).
A Xunta traslada ao Goberno español que a norma actual "impediría o uso de moitos dos areais galegos" e propón unha solución para estabelecer a capacidade das praias que terá que ser valorada polo ministro de Sanidade. 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, solicitou esta segunda feira ao Ministerio de Sanidade que os concellos galegos que así o consideren poidan estabelecer a capacidade máxima das súas praias de dúas maneiras, en función da baixamar e a preamar.

Nunha carta remitida ao ministro Salvador Illa, o conselleiro salienta as características das praias galegas, con grandes diferencias de superficie entre preamar e baixamar. Así, explica que a normativa ditada polo Goberno español pode dificultar o uso de moitas praias do país.

O actual cálculo, segundo detallan desde a Consellaría de Sanidade, considera que para obter a capacidade máxima permitida nas praias, tense que considerar unha superficie por bañista de aproximadamente 4 metros cadrados. Para facer este cálculo, engaden, hai que descontar da superficie útil da praia, como mínimo, unha franxa de seis metros a contar desde a beira da preamar.

Almuiña trasladou a Illa que esta restrición "impediría o uso de moitos dos areais galegos" e propón como "solución" que calcular a capacidade "na baixamar pasa por descontar da superficie útil da praia unha franxa de 4 metros desde a liña de baixamar". Porén, na preamar, habería que "descontar da superficie útil unha franxa dun metro dende a liña de preamar".

Apertura das praias

Esta segunda feira queda permitido o acceso e o baño nas praias galegas coa entrada do país na Fase 2 do desconfinamento ditado polo Goberno do Estado.

Na Coruña comezou a funcionar un "protocolo de transición" que desde o consistorio manifestaron que consistirá en que a Policía Local controlará de forma presencial a capacidade en todos os areais da cidade. No caso de que se atopen unha praia cun número desmesurado de persoas, pecharase a entrada desta até que se controle a situación.

Haberá tamén unha vía única para entrar e saír dos areais. Nas praias de Riazor e de Oza delimitaranse estas vías de acceso e saída cun balado perimetral co fin de evitar a proximidade entre as persoas. Por outra banda, estará prohibido usar as duchas das praias, pero poderanse utilizar os aseos.

Porén, en Vigo comezarán a colocar cintas en parte das praias para mediados de xuño co obxectivo de garantir o mantemento da distancia social, xa que, segundo apuntou o alcalde da cidade, as aglomeracións nos areais adoitan rexistrarse a partir de finais dese mes. 

Abel Caballero precisou que este verán estará prohibido comer e celebrar "grandes reunións" nos areais vigueses. Desta maneira, explicou, pretenden fomentar a rotación de persoas nestes espazos e evitar aglomeracións. As tres piscinas infantís situadas na praia de Samil permanecerán fechadas pola dificultade para garantir o mantemento da distancia de seguridade.