Política

O alcalde de Vigo reivindica a idea de facer "cuadrículas" nas praias para evitar contaxios da COVID-19

Abel Caballero sinala que é unha medida que se podería aplicar nos areais vigueses durante este verán e explica que tratará esta idea co comité asesor para a desescalada após o confinamento polo coronavirus. 
Praia de Samil, en Vigo (Nós Diario).
photo_camera Praia de Samil, en Vigo (Ana G. Liste).

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou esta terza feira a idea de estabelecer "cuadrículas" nas praias para garantir a seguridade e evitar posíbeis contaxios de coronavirus, e sinalou que é unha medida que podería aplicarse nos areais vigueses este verán.

Nunha rolda de prensa telemática, Caballero, que tamén é presidente da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), asegurou que "xa hai dez días" comentou esta idea nunha reunión da entidade municipalista estatal, antes de que a expuxese o presidente da Junta de Andalucía, Juan Manuel Moreno, coas súas "mesmas palabras".

Abel Caballero admitiu que esa medida podería implementarse nas praias de Vigo, unha decisión que, en todo caso, quere analizar co comité asesor de expertos, no marco das actuacións que levarán a cabo para a 'desescalada' do confinamento.

"Quero que o vexa o comité asesor. Trátase dunha idea inicial, estabelecer cadrados cun máximo de persoas. Esa idea ocorréusenos aquí, e non a descarto. Estamos a facer o estudo xa", afirmou.

Segundo o alcalde, hai que "buscar, na nova normalidade, medidas que permitan a seguridade e o goce social", e proclamou: "Eu teño moitas ideas, vou moi por diante, outra cousa é que non o conte".

Comentarios