Social

Bañarse na fase 2: como xestionar o acceso ás praias?

Foto de portada Praia de Arealonga O Vicedo
A partir de hoxe é posíbel o baño nas praias galegas. Mais como se vai facer para manter as condicións de seguridade?

Os concellos galegos achéganse con incerteza a como regular o acceso ás praias, nas que a partir de hoxe estará permitido o baño e a estancia. As propostas van desde a confianza na responsabilidade individual até o uso das últimas tecnoloxías.

Aínda que en principio non se contemplaba o retorno aos areais até 8 de xuño como mínimo, data na que, con sorte, entrariamos na fase 3 do desconfinamento, finalmente a posibilidade agroma coa entrada na fase 2. E parece que o tempo vai acompañar, o que non fai máis que incrementar a preocupación das autoridades competentes.

Cita previa

O uso de cita previa quedou en principio descartada. Esta proposta da Xunta da Galiza, da que xa deu conta Nós Diario, implicaba o uso dunha aplicación que para sacar quenda, empregando para o acceso un código QR. Mais esta idea quedou descartada pola dificultade de execución en moitos concellos, que acusan escaseza de persoal fronte á gran dimensión ou os varios accesos de certos ariais.

Ademais, a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) non se mostrou conforme coa medida, pois consideraban que a fenda dixital de boa parte da veciñanza a facía inoportuna.

Confiar nas persoas

En principio, parece que de momento se apelará a responsabilidade de cadaquén para manter a distancia de seguridade e as medidas de prevención oportunas, indicadas en paneis informativos.

A maior parte dos municipios costeiros aínda valora que medidas aplicar, á agarda de directrices específicas por parte do Goberno. Segundo teñen manifestado, non descartan tomar opcións provisionais ou manter algunhas praias fechadas mentres non saiban como xestionar a situación.

Dos drons ás parcelas

A Coruña adiantou que aplicará un protocolo nos accesos ás praias entre a segunda feira e o 15 de xuño. O roteiro inclúe o valado de Orzán e Riazor para que só teñan un acceso de entrada e outro de saída, ben diferenciados. A Policía Local será a responsábel, con outros corpos de emerxencias, de controlar as aglomeracións. Porase ao dispor da cidadanía unha aplicación para informar do nivel de ocupación en tempo real.

En Vigo, o goberno local presentou o sábado o sistema que pretende implementar desde o 15 de xuño nas praias de Samil e O Vao. Consistirá en cintas de cores que dividirán a area en parcelas de até seis persoas e deseñarán camiños cos que baixar e subir entre o paseo e a auga de maneira controlada.

En Ribeira aprobouse esta semana a adquisición de dous drons para vixiar os 36 areais do concello. Estes dispositivos contarán con altofalantes para lembrar ás usuarias que manteñan a distancia de seguridade ou advertir de aglomeracións.

Sanxenxo tamén manifestou a súa preferencia polos drons. Facilitará nas redes sociais imaxes case a tempo real para que as visitantes poidan planificar a asistencia.

Algúns concellos, como Vilanova de Arousa, barallan a posibilidade de dar prioridade no acceso á veciñanaza. e persoas aloxadas nos seus cámpings e hoteis.