5 praias galegas descoñecidas para pasear esta fin de semana

Estampa da Praia de Arealonga, en O Vicedo (Foto: Nós Diario).

A pesar de que aínda nin o baño nin tomar o sol están autorizados, parécenos unha boa opción de lecer para esta fin de semana presentarvos cinco dos currunchos máis fermosos e descoñecidos do noso país.

O bo tempo está lanzando a moitas galegas ás praias para aproveitar as horas autorizadas de deporte e paseo. A pesar de que aínda non están autorizados nin o baño nin tomar o sol, parécenos unha boa opción de lecer para esta fin de semana presentarvos cinco dos currunchos máis fermosos e descoñecidos do noso país:

Cala Hawái (Pontedeume)

Denominada oficialmente como Praia de Centroña, atópase a aproximadamente catro quilómetros do núcleo urbano de Pontedeume, na ruta CP-4803. Pequena –uns 300 metros-, a súa fina area resulta ideal para deixar estampadas as nosas pegadas dando voltas unha e outra vez.

Con Negro (O Grove)

Esta praia aberta está situada na parroquia de San Vicente do Grove, nunha contorna case paradisíaca, entre rocas en forma de cuncha, ideal para as persoas que máis valoras e respectan a natureza e a tranquilidade.

Praia dos Espiños (A Illa de Arousa)

No marco do Parque Natural de Carreirón, resulta unha das máis espectaculares entre as moitas que existen na Illa de Arousa. Ideal para un paseo entre ameixas, berberechos e a rica fauna e flora que poboan a zona.

Arealonga (O Vicedo)

Praia longa (1.300 metros) e ben abrigada do vento, a súa area branca e fina compite coas espectaculares vistas da ría. praia grande e abrigada de area branca e fina, desde a cal se ve toda a ría. Conta cun respaldo boscoso e unha zona de paseo que comunica a praia coa desembocadura do río Sor e as famosas tres pontes sobre o mesmo.

Praia de Ancoradouro (Bueu)

Como está prohibido o baño, non teremos que preocuparnos pola forza das ondas nin das mareas. Bastante illada, a praia da Ancoradouro é un pequeno tesouro dos moitos que agocha o Concello de Bueu.