SOCIAL

Os concellos rexeitan o sistema de cita previa para ir á praia

Bañistas na praia de Silgar, coa vila de Sanxenxo ao fondo (Imaxe: Wikimedia).
O Goberno galego tivo que desbotar a súa proposta inicial, mentres moitas entidades locais iniciaron un proceso de análise para implementar medidas de control de aglomeracións, á espera de "instrucións concretas" do Estado.

Os concellos galegos trasladaron á Xunta que consideran "inviábel" a aplicación dun sistema de cita previa para ir á praia este verán, aínda que se mostraron proclives a explorar, nunha mesa de traballo coas autoridades galegas, outras aplicacións das novas tecnoloxías para controlar o aforamento dos areais.

Así o trasladou o presidente da Fegamp, Alberto Varela, durante a reunión desta cuarta feira coas conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, así como coa directora da Amtega, Mar Pereira, que puxeron a disposición dos municipios as ferramentas da Xunta para colaborar nesta tarefa.

Esta semana, tras unha reunión dos responsábeis do Goberno galego, a Xunta propuxo a aplicación da plataforma Praias Seguras, unha app á que poderían adherirse voluntariamente os concellos que o desexasen para xestionar o acceso ás praias durante o verán a través dun sistema de 'cita previa', similar ao que se emprega na actualidade na Praia das Catedrais.

Con todo, os municipios, en voz do presidente da Fegamp, xa avanzaron que este sistema sería "inviábel", tanto polos requirimentos de persoal para aplicalo como por "deixar fóra" a persoas con pouco ou ningún acceso ás novas tecnoloxías.

Sen 'cita previa'

Por iso, na xuntanza de hoxe, explicou a Fegamp, a Xunta "informou de que, finalmente, se desestima o sistema de citación", aínda que mantén a súa oferta de colaborar cos municipios nesta tarefa a través de elementos como as novas tecnoloxías. Para iso, creouse unha mesa de traballo conxunta.

A Fegamp lembrou que a costa galega conta con praias cunha "casuística moi variada", desde pequenas calas a areais urbanos, pasando por praias naturais de enorme extensión. A localización das praias, así como os seus accesos múltiples, é unha das dificultades que os municipios atopan á hora de controlar os seus accesos.

No entanto, nos últimos días, moitas entidades locais iniciaron un proceso de análise para implementar medidas de control de aglomeracións, "á espera de guías e instrucións" concretas que axuden ao cumprimento das regras do desconfinamento e a "nova normalidade".

En todo caso, Alberto Varela lembrou que, en todo este proceso, foi "determinante" a colaboración da poboación e apelou á "responsabilidade da cidadanía" neste "novo reto", co fin de manter unha liña de costa segura.

A Federación cre que o sucedido co programa proposto pola Xunta esta semana, "é unha mostra de que é necesario que os concellos participen na toma de decisións e na elaboración de plans estratéxicos". Nesta liña, insistiu na necesidade de "máis coordinación" por parte da Administración galega e do Estado, e a creación de comisións ou mesas de traballo conxuntas.

Calcular a capacidade 

Durante o encontro, o Goberno galego informou á Fegamp das ferramentas e a información existentes, que os concellos poderían usar voluntariamente para cumprir coas directrices e limitacións indicadas polo Executivo español.

Xa que se trata dunha materia que non é competencia da Xunta, os conselleiros mostraron o seu "respecto" polas distintas fórmulas avanzadas polos alcaldes para tal fin.

Entre outros elementos, a Xunta pon a disposición das localidades o visor do Catálogo de Praias da Galiza, que ofrece datos sobre a superficie exacta de cada areal, unha información útil á hora de estabelecer a súa capacidade máxima.