Social

Galiza na fase 2: de bañarse na praia ás visitas a residencias

(Cárlos Márquez / Europa Press)
Hoxe a Galiza pasa á fase dous do desconfinamento. Que cambios vai traer?

Galiza amence esta segunda feira 25 de maio na seguinte etapa do proceso de desconfinamento. Na fase 2 atopamos algunhas novidades que flexibilizan a mobilidade, mais aínda non é posíbel o movemento entre provincias.

Algúns medios apuntaban o sábado a posibilidade de desprazamento na Galiza entre municipios limítrofes situados en diferentes provincias para o desenvolvemento de actividades socioeconómicas, mais esta excepción recollida no Boletín Oficial do Estado responde unicamente ao territorio de Euskadi.

Paseos

Na Galiza, aínda na fase 2, non estará permitido ese grao de mobilidade. Con todo, desaparecen as franxas horarias para os paseos, que poderán realizarse en grupos de até 15 persoas. As menores de 14 anos poderán ir acompañadas de dúas acompañantes adultas en troques de unha, segunda estaba regulado até o momento.

Exercicio físico

O deporte non profesional no exterior está autorizado en grupo se non require de contacto físico, entre as 6 e as 23 horas, agás na franxa horaria que corresponde ás persoas maiores de 70 anos: de 10 a 12 horas e de 19 a 20 horas.

Hostalaría

O consumo dentro de bares e restaurantes xa está permitido, en principio até o 40% do seu aforo normal. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou onte que se contempla que na segunda semana da fase dous se aumente até o 50%, seguindo a liberdade outorgada a tal respecto polo Goberno estatal.

Para manter as condicións de seguridade, só se poderá estar sentado nunha mesa, ou agrupamentos de mesas, con reserva previa (preferibelmente). En ningún caso se aceptará o autoservizo.

As terrazas deben manter a limitación de 50% das mesas, cunha ocupación máxima de 10 persoas. Discotecas e pubs continuarán fechados.

Residencias de maiores

A partir desta segunda feira as residencias de maiores abren os seus réximes de visitas, unha medida de alivio que só poderán levar a cabo os centros que leven 15 días sen ningún caso de COVID-19 e se atopen en concellos cun baixo índice de contaxios, contando ao tempo cun informe favorábel da área sanitaria.

A meirande parte dos complexos entrarán na fase 1 do plan desenvolvido polo Sergas, se ben os máis pequenos e catalogados como “fogares residenciais” e “vivendas comunitarias” poderán acceder directamente á segunda etapa.

No primeiro tramo, as visitas deberán ser semanais e con cita previa, co acceso único dun familiar de referencia que non presente síntomas. As visitantes deberán levar máscara. Por outra banda, o persoal dos centros poderá organizar actividades en grupos de até 10 persoas en interiores e cinco en exteriores.

Para as instalación máis pequenas, as familias poderán visitar as persoas residentes dúas veces á semana. Permitirase tamén a saída das usuarias á farmacia e ao banco a primeira hora da mañá.

Reapertura dos centros de ensino

Os centros galegos abren as portas esta segunda feira. O retorno, que será parcial e voluntario, atinxe só a estudantes de 2º de bacharelato e segundos cursos de Formación Profesional media e superior. As estudantes poderán acudir presencialmente ás aulas para recibir reforzo ou permanecer nos seus lares e seguir asistindo ás clases de forma telemática.

A Xunta xustificou a decisión pola proximidade das probas de selectividade por se tratar de alumnado de fin de ciclo. O resto de etapas educativas non recuperarán a formación presencial neste curso. O Goberno galego aínda ten pendente adoptar unha decisión sobre se permite a reapertura das escolas de infantil (de cero a tres anos) nesta fase do desconfinamento. O presidente, Alberto Núñez Feixoo, xa avanzou que hoxe haberá unha reunión entre Política Social e representantes das escolas para tomar unha decisión.

Alumnado e profesorado estarán obrigados a usar máscaras no centro, aínda que se pode prescindir dela cando se garantan as medidas de distancia estabelecidas. O corpo docente terá que controlar os movementos do alumnado á entrada e saída, mediante filas, e no interior ou nos recreos.

Cines, teatros e outros espectáculos

Son varios os espectáculos culturais que poderán recuperar a actividade esta semana. Cinemas, teatros e monumentos abrirán a un terzo do seu aforo, así como aqueles locais e estabelecementos destinados a actos culturais.

Se o espectáculo é nun lugar fechado, deberá preasignarse a butaca e non poderá excederse en ningún caso das 50 persoas. Ao aire libre, o público deberá permanecer sentado, coa pertinente distancia de seguridade, e non poderá excederse a cifra de 400 persoas.

Recoméndase, ademais, a venda online ou telefónica dos billetes.

Mosterios e catedrais

Nos recintos de culto relixioso, como igrexas, colexiatas, catedrais, mosteiros, abadías ou conventos, recoméndase estabelecer percorridos obrigatorios para separar a circulación. Só estarán permitidas as visitas individuais ou de persoas que convivan xuntas.

Exposicións

As salas de exposicións tamén poderán reabrir ao público, mantendo todas as recomendacións sanitarias e absténdose de celebrar eventos de inauguración que impliquen aglomeracións.

Praias

As piscinas poden abrir cun aforo limitado ao 30%, considerando que debe respectarse en todo momento a distancia de seguridade. O acceso estará regulado por cita previa e cada entidade estabelecerá horarios por quendas.

Da mesma maneira, permítese o tránsito, a estancia e o baño en praias. Porén, aínda existe debate sobre a maneira en que se vai xestionar o acceso.

Autoescolas e academias

Autoescolas e academais tamén recuperan a actividade, limitanto o aforo a un terzo e priorizando a formación a distancia. Terán que ter en conta as medidas de hixiene e prevención do pequeno comercio.

Nos vehículos, durante as aulas prácticas, será obrigatorio o uso de máscara quer pola profesora quer pola alumna. O espazo deberá desinfectarse antes e despois de cada uso.

Vodas e velorios

Na fase 2, os velorios poden ter lugar en instalacións públicas ou privadas, cun máximo de 25 persoas ao ar libre e 15 en espazos fechados. Neste caso, non é exixencia que as congregadas convivan xuntas. Nos enterros ou nas cerimonias de cremación o límite é de 25 persoas, para alén da persoa que leve a cabo o rito funerario.

Desde esta segunda feira tamén se poden celebrar vodas cun aforo de até 100 persoas ao ar libre ou 50 en lugares interiores, sexan instalacións públicas ou privadas.